• No pleno extraordinario de hoxe descartou a proposta do PSdeG para facer un servizo comarcal
  • Rexeitou a recuperar a Fundación Pro Patrimonio alegando que dende o Concello se está a traballando para poñer en valor do patrimonio municipal
  • Os alcaldes de barrio e celadores son cargos de confianza polo que non están suxeitos a lei de igualdade

 

Corporación de Rois celebrou esta tarde un pleno extraordinario solicitado polo grupo socialista no que o equipo de goberno rexeitou as tres mocións debatidas: a recuperación da Fundación Pro Patrimonio de Rois; a creación dun servizo comarcal de axuda no fogar e o nomeamento de alcaldes de barrio e celadores segundo establece a lei 3/2007 de igualdade efectiva entre homes e mulleres.

Manuel Regueira (PSdeG) propuxo que o Concello fixese accións para tentar recuperar a Fundación Pro Patrimonio de Rois, creada en 2006 y que se disolveu en 2011 por falta de axudas . O alcalde, Ramón Tojo rexeitou esta medida alegando que dende o Concello se está a traballar para poñer en valor o patrimonio do municipio, e incluso continuando o traballo da fundación no Castro de Socastro.

A proposta para facer un servizo comarcal de axuda no fogar, con Padrón e Dodro, agora que o equipo de goberno quere remunicipalizar o SAF, tamén foi rexeitado polo equipo de goberno. Neste punto a concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Basante, alegou que xa se analizara esa posibilidade e que se descartara ao non considerala axeitada. O alcalde asegurou que todas as traballadoras da empresa que está a prestar o servizo actualmente pasarán a depender do Concello cando remate o proceso.

En cando a solicitude para que o nomeamento de alcaldes de barrio e celadores se faga de acordo coa lei 3/2007 de igualdade efectiva entre homes e mulleres como pedía Patricia Ces (PSdeG), igual que se fai coa confección das listas electorais. O alcalde rexeitou a proposta ao asegurar que ese postos son cargos de confianza. O secretario do Concello informou que eses nomeamentos non están suxeitos á mencionada lei.

20200722 pleno extraordinario xullo

  • Ramón Tojo considera que dende a Xunta se están aplicando políticas para evitar a emigración xuvenil
  • O alcalde asegura que dende o Concello se desenvolveu a campaña de visibilización do colectivo LGTBI como pedía a Deputación

O equipo de goberno de Rois rexeitou hoxe as dúas mocións presentadas polo BNG e o PSdeG-PSOE alegando que tanto dende o goberno municipal como dende a Xunta xa se estaban a poñer en práctica algunhas das medidas que formulaba a oposición.

A moción do BNG solicitando instar a Xunta a poñer en marcha medidas para que a xuventude non teña que emigrar “evitando unha sangría” entre a mocidade, que os nacionalistas presentaron en decembro a solicitude de varios colectivos, foi rexeitada polo Partido Popular alegando que a Xunta xa desenvolve medidas para evitar a emigración. “Xa se están aplicando políticas para crear emprego digno e de calidade”, dixo o alcalde, recordando que en Rois hai empresas potentes e pouco paro. O apoio desta iniciativa contou con 4 votos a favor (BNG e PSdeG) e 7 en contra (PP).

A outra moción foi presentada polo PSdeG, reclamando medidas dende o concello para visibilizar ao colectivo LGTBI e pedindo accións de sensibilización entre a veciñanza de Rois (o pasado 28 de xuño celebrouse o Día do Orgullo LGTBI). O alcalde replicou que dende o Concello se seguiron as indicacións da Deputación Provincial, que propuxera facer unha campaña de sensibilización en redes sociais, “como así fixemos, con dúas publicacións que tiveron moitas interaccións”. Tojo recordou que neste tipo de campañas, dende o Concello son partidarios de unirse a iniciativas doutras administracións superiores, como ocorreu neste caso. “Xa estamos traballando nesa liña”, dixo o alcalde. A moción foi rexeitada cos 7 votos en contra do PP, e 4 a favor (BNG e PSdeG).

O Concello de Rois anuncia a exposición das listas do censo electoral, que se poderán consultar dende o vindeiro lunes, 25 de maio, ata o 1 de xuño (ambos os dous inclusive). Recoméndase facer a consulta nos teléfonos habilitados ou a través da sede electrónica do Instituto Nacional de Estatística (INE), aínda que tamén se pode acudir presencialmente ás oficinas xerais do Concello en horario de 9.00 a 14.00 horas.

Para realizar a consulta presencial nas oficinas municipais ou presentar reclamacións é necesario identificarse co DNI, o carné de conducir ou, de ser o caso, a tarxeta de estranxeiría.

A consulta telefónica pode facerse nos teléfonos: 981 21 74 39 -  981 21 74 26 - 901 101 900.

De forma telemática, os datos censais poden consultarse na páxina web do Instituto Nacional de Estadística (preme neste enlace) con certificado dixital ou con sistema Cl@ve.

O Concello recorda a importancia de que os mozos e mozas que veñan de cumprir os 18 anos comproben que figuran nas listas do censo.

O horario de atención ao público da Oficina do Censo Electoral é o seguinte: de luns a sábado, de 09.00 a 14.00 e o último día, 1 de xuño, de 09.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas.

O Concello de Rois camiña cara a "nova normalidade", mais con sentidiño. Dende mañá, 18 de xuño, retómase a atención presencial.

Para acudir ás oficinas cómpre pedir cita previa e seguir as recomendacións hixiénico-sanitarias que se sinalan tanto na entrada coma no interior das dependencias municipais. 

É obrigatorio o emprego de máscaras, a utilización de hidroxel e manter a distancia de seguridade. Para axudar a isto, colocáronse adhesivos por todo o consistorio, así como sinais que indican a dirección de entrada e de saída. 

Polo ben de todos e de todas, máis ca nunca, temos que ser responsables. Grazas pola vosa colaboración.

  • O alcalde confirmou a decisión no primeiro pleno telemático que celebrou esta mañá a Corporación 

  • O persoal que traballa na empresa actual será subrogado polo Concello

  • A Xunta está a espera de resolver recursos para establecer medidas á Destilerías Compostela para evitar a contaminación do aire

O Concello de Rois vai municipalizar a parte do Servizo de Axuda no Fogar que actualmente está a prestar unha empresa externa. Segundo confirmou o alcalde esta mañá no primeiro pleno telemático que celebrou a Corporación a unha pregunta dos socialistas, dende o goberno local xa se mantivo unha reunión coas traballadoras da empresa e cos representantes sindicais para analizar o proceso, “pois dende o Concello teremos que asumir, cos mesmos horarios que ven mantendo actualmente, ao persoal da empresa que está a prestar servizos en Rois”.

O Concello de Rois xa contempla no orzamento deste ano unha partida para facer fronte a subrogación do persoal do Servizo de Axuda no Fogar que actualmente presta atención á veciñanza e que depende dunha empresa. “Seguiremos avanzando nesta liña, pois tanto traballadores como sindicatos viron ven a nosa decisión”, explicou o alcalde, Ramón Tojo, cando foi preguntado polo grupo socialista se a empresa renunciar ao contrato por cuestión económica e porque tardara tanto en cobrar.

Ramón Tojo explicou que mentres estivo aberto o procedemento de adxudicación do concurso non se podía pagar. Unha vez rematado, o concello pagou todas as facturas pendentes. Unha vez que remate o estado de alarma e se normalice a situación “imos manter unha reunión coa empresa para municipalizar o servizo” explicou o alcalde.

A moción presentada polo PSdeG-PSOE solicitando a colocación de tres medidores fixos da calidade do aire no val de Rois, nas parroquias de Rois e Oín, para analizar a posible contaminación procedente de Destilerías Compostela, foi rexeitada cos votos en contra do equipo de goberno (7), votando a favor os socialistas (3) e BNG (1).

Neste punto, o alcalde explicou que xa se mantiveran diversas reunións coa Consellería de Medio Ambiente, as que asistiron veciños, representantes da empresa e do Concello. Tojo leu unha respostas remitida dende a propia Consellería na que se informa de non é posible nestes intres colocar os tres medidores que pedían os socialistas.

Dende a Consellería de Medio Ambiente sinalan que a solución do problema pasa pola implantación de melloras técnicas nas instalacións, polo que se pediu á empresa que informase sobre a viabilidade económica e técnica para implantar estas medidas. Como a empresa presentou recursos de reposición e alzada contra a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, hai que resolver primeiro estes antes de avanzar.

Segundo o departamento autonómico, en caso de que se considere necesario, solicitaráselle a Destilerías Compostela a instalacións dos puntos de medición de aire que se consideren necesario. Os resultados destas medicións faríanse públicos coa mesma frecuencia que o resto de estacións da Rede de Calidade do Aire de Galicia.

Como hai que ter en conta parámetros técnicos para a colocación destes puntos de medicións, e tendo en conta a lexislación vixente e a normativa técnica aplicable , dende a Consellería consideran que resulta inviable instalar as 3 estacións de medida fixa tal e como solicitaba o Partido Socialista de Rois.

Ramón Tojo comprometeuse a facilitar esta resposta ao grupo socialista e a mediar ante a Xunta para que en vindeira reunión poidan estar representada tamén a oposición de Rois.

Sobre as medidas de recuperación económica promovidas dende o Concello, que pedían os socialistas, o alcalde respondeu que primeiro é necesario coñecer as condicións que estableza o Goberno central para a volta á normalidade e que medidas económicas vai adoptar. Tojo destacou que dende a Xunta xa se habilitaron diferentes liñas de axuda para autónomos e pemes.