01 ALI4712

Rois xa dispón de material audiovisual para presumir do sector empresarial do municipio. O auditorio municipal encheuse onte á noite para ver a estrea de ‘Rois, feito de soños’ un documental que recolle o traballo, a innovación e a aposta polo rural que fixeron as principais empresas do municipio. O traballo da produtora Xurdir deulle un especial protagonismo aos usuarios e usuarias de Amipa. Para o alcalde, Ramón Tojo, “este vídeo axuda visibilizar a revolución industrial que nace no rural”.

Rois conta con empresas punteiras en moitos sectores da economía, en moitos casos a nivel galego e incluso peninsular. Como o  serigrafía publicitaria e industrial, impresión e merchandising; aluminio, electricidade, madeira, transporte, turismo, elaboración de licores, e restauración. Varias destas empresas aparecen recollidas no vídeo, que se pode visionar no canal de youtube do Concello de Rois.

 02 Publico ALI4704

Antes da proxección, o alcalde sinalou que Rois é un concello rural, e tamén empresarial, que conta con boas comunicacións. “O concello colaborou coa edición deste vídeo para axudarlle ás empresas de Rois”, afirmou Ramón Tojo, quen tamén destacou o potencial humano do municipio. “Temos bos empresarios, que demostraron potencial cando o vento viña en contra, e hoxe podemos ver que no vídeo ‘Rois, feito de soños’ tamén axuda a visualizar e visibilizar a revolución industrial que nace no rural”.

A potencialidade económica de Rois tamén foi constatada por Pilar Freire Esparís, profesora do Departamento de Economía Aplicada da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, quen votou unha ollada histórica a actividade empresarial dos concellos rurais e, sobre todo, ao de Rois, Padrón e Brión.

Pilar Freire, que vive en Rois, destacou que a actividade económica inflúe no comportamento demográfico do territorio, e sinalou que un concello rural que teña unha industria forte seguirá medrando. O despoboamento ten moito que ver coa falta de oportunidades laborais para a xuventude, que prefire emigrar, dixo.

Na súa análise, Pilar Freire constatou que das 405 empresas que hai en Rois, case a metade dedícanse ao sector servizos, e tan só 7 teñen máis de 10 empregados. Aínda así, na súa comparativa, asegurou que o crecemento empresarial de Rois é positivo (2,8% no ano 2017), igual que tivo un repunte de natalidade no 2016, cando se acadou unha taxa de 1,62 fillos por muller, moi superior á dos outros dous concello.

 03 ALI4714

Pilar Freire destacou na súa disertación como puntos fortes de Rois “un comportamento demográfico moi positivo desde o punto de vista da natalidade, unha demografía empresarial cun crecemento positivo e unha participación empresarial nos sectores produtivos acorde coas tendencias económicas actuais”. Entre as debilidades, sinalou que a poboación maior de 65 anos segue sendo moi numerosa e que predominan as empresas de tamaño reducido, con poucos traballadores.

A profesora da USC, que coñece ven a estrutura produtiva de Rois, considera necesario, para que a actividade empresarial siga medrando, a poboación moza non se traslade a outros concellos e para lograr unha dinamización económica e demográfica do concello, considera necesario “ampliar e mellorar a rede de infraestruturas e fortalecer os servizos públicos de todo tipo” e, dun xeito moi especial, “garantir un acceso rápido de toda a poboación á tecnoloxía dixital, sobre todo a conexión a internet. Unha eiva do rural é que non existe bo acceso a internet”, asegurou.

Mellorando estes aspectos e poñendo en marcha política de apoio ao establecemento de empresas en Rois e que axuden ao mantemento das existentes, Pilar Freire está convencida de que o concello de Rois seguirá sendo un referente en moitos dos sectores.

Antes de rematar, Pilar Freire destacou a “dedicación, esforzo e paixón de todas as persoas que están detrás de cada empresa, “porque son as persoas as que fan que as empresas funcionen”.

De xeito especial tivo un recoñecemento para as mulleres empresarias, e reivindicou “o traballo da muller ao longo da historia, sobre todo no campo, un traballo que non aparece nas estatísticas oficiais. Non fun quen de atopar o número nin estatísticas de mulleres empresarias en ningún lado”, dixo.

Nesta mesma liña, quixo destacar o papel das catro mulleres empresarias que aparecen no vídeo ‘Rois, feito de xoños’, un documental que “axuda a visibilizar o traballo que facedes as mulleres”.

A profesora referíase a Sonia Ares, ouriveira e artesá, Laura Eitor (Agronovo Rois), Silvia Chaves (de Transportes Chaves) e a María García (Más Que Mamás). Catro das mulleres que aparecen no vídeo ‘Rois, feito de soños’ e no os usuarios e usuarias de Amipa, a Asociación de maos e pais de persoas con discapacidade intelectual da comarca do Sar, cobran un especial protagonismo, pois con eles empeza e remata este traballo audiovisual de Xurdir.

Pode ver o album de fotos da estrea do vídeo no Facebook do Concello de Rois (neste enlace)

Pode ver o vídeo no canal de Youtube do Concello de Rois (neste enlace)

 

 04 ALI4707