20190813 Obradoiros Garantía Xuvenil 2019A Xunta de Galicia e o Concello de Rois organizan un ano máis un obradoiro encadrado no programa de fomento de emprego Garantía Xuvenil. Nesta nova edición, o taller trata sobre a Confección e Publicación de Páxinas Web e está dirixido á xuventude de menos de 30 anos que se atope en situación de desemprego. O alumnado admitido no obradoiro formarase no oficio de forma teórica e práctica a partir do mes de setembro e durante os seis meses seguintes.

Deste xeito, a veciñanza desempregada de ata 30 anos de Padrón, Dodro e Rois poderá participar neste obradoiro que ten como finalidade a formación e inclusión laboral da xuventude, á vez que se desenvolven tareas en beneficio dos espacios e instalacións públicas. Neste caso, a parte práctica da formación consistirá na creación da páxina web Coñece Terras de Iria e na elaboración do portal de emprego Terras de Iria.

Mediante esta iniciativa de Obradoiro de Garantía  Xuvenil, a Xunta de Galicia investirá un total de 1,3 millóns de euros na provincia da Coruña para formar en oito talleres a 119 alumnos de 22  concellos distintos. Para participar é necesario estar inscrito no Sistema de Garantía  Xuvenil e que as actividades que realicen estean relacionadas coa súa titulación ou formación previa.

20190812 clausura I quincena campus multideporte FBO pasado venres 9 de agosto rematou a primeira quenda do I Campus Multideporte organizado polo C. D. Rois e no que colabora o Concello de Rois. Nestes primeiros días participaron 19 nenos e nenas que foron dirixidas por Iván Fabeiro e Alba Socastro.

No acto de clausura estiveron presentes o concelleiro de deportes Martín del Río Gestoso e o presidente do C.D. Rois, Ramón Carou, quen fixeron entrega dun diploma de participación a todos e todas as participantes, ademais de agasallalos cunha camiseta conmemorativa e entradas para presenciar o Trofeo Teresa Herrera que enfrontou o sábado ás 18.30h ao R.C. Deportivo Abanca co U.D. Granadilla Tenerife e ás 21.00h ao R.D. Deportivo da Coruña co Real Betis.

Hoxe, luns día 12 de agosto, comeza a segunda quenda deste campus.

20190728 01 ALI6637

20190728 02 ALI6586 copiaA Asociación de Amas de Casa de Rois, que conta con 140 socias, celebrou este domingo os seus 25 anos cun acto no pazo do Faramello que comezou plantando un árbol no Xardín dos Recordos e entregándolle uns agasallos ao alcalde e ao propietario do pazo. Pola súa banda, o alcalde, Ramón Tojo, fixo entrega dunha placa conmemorativa á presidenta da Asociación dende que se constituíu esta en 1994, María Carmen Gargía Acosta. Na xornada houbo un emotivo recordo para a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde, Lourdes González, que finaría poucas horas despois.

O grupo de gaitas da asociación interpretou o himno do antigo reino de Galicia mentres o propio alcalde e outros participantes, plantaban un árbol no Xardín dos Recordos conmemorativo da efeméride. Esta espazo de 7.000 metros cadrados foi cedido por Gonzalo Rivero de Aguilar, propietario do pazo do Faramello, para plantar unha árbore en memoria de cada unha das 80 vítimas mortais do accidente de tren en Angrois hai xa seis anos.

Despois, a asociación entregoulle unha placa conmemorativa a Gonzalo Rivero, pola súa colaboración coa asociación, e un agasallo para o alcalde, Ramón Tojo. Este correspondeu entregándolle unha placa de madeira á presidenta das Amas de Casa de Rois, María Carmen García Acosta, que leva no cargo dende que se constituíu esta en 1994.

Carmen García amosou o seu orgullo porque dende a Asociación de Amas de Casa “compartimos actividades mulleres dos concellos da comarca” que forman parte do colectivo. Na súa intervención tivo palabras de recordo “para ás 32 compañeiras que xa non están entre nós”.

Despois da foto de familia de todos os presentes no acto e dunha misa na capela do pazo, os asistentes participaron nun xantar de confraternidade.

Album de fotos no facebook do Concello de Rois (neste enlace)

 

20190728 05 ALI6604

  • Ovidio Rodeiro e Ramón Tojo destacan o intercambio cultural e de convivencia que favorece esta actividade

  • Ata o vindeiro día 13 os 20 mozos e mozas realizarán tarefas de limpeza no castro e visitarán diferentes lugares da comarca

  ALI7964

Un grupo de 20 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, procedentes de México, Francia, Italia e sete comunidades autónomas españolas participan no campo de traballo do Castro de Socastro, realizando tarefas de catalogación e limpeza do recinto, xunto a outras actividades lúdicas que lles permitirán coñecer diferentes lugares de Galicia e a nosa cultura.

O delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro; o alcalde de Rois, Ramón Tojo, e o tenente de alcalde, Manuel dos Santos, visitaron o campo de traballo e estiveron departindo durante uns minutos con participantes. Ambos os dous mandatarios destacaron a importancia deste tipo de iniciativas para fomentar o intercambio cultural e a convivencia. “Estades axudando a poñer en valor a riqueza patrimonial de Rois, e a coñecer un pouco máis as nosas costumes”, indicou Ramón Tojo, quen animou aos mozos e mozas a difundir nos seus lugares de orixe a riqueza cultural e paisaxística de Galicia.

Pola súa banda, Ovidio Rodeiro resaltou que Galicia é a zona de Europa que oferta máis prazas en campos de traballo, que permiten tamén a mozos e mozas galegas coñecer outras zonas, porque son prazas de intercambio. “Este tipo de actividades van encamiñadas a favorecer a convivencia, a participación e a tolerancia e solidariedade entre a xuventude a través da realización de labores voluntarias en actuacións de interese social. Ofrecen unha maneira diferente de pasar algúns días da época estival prestando un servizo á sociedade e fomentando o intercambio cultural”, indicou Rodeiro.

No campo de traballo do Castro de Socastro están a participar mozos procedentes de México, Italia e Francia, e das provincias de Alicante, Málaga, Salamanca, Álava, Asturias, Zaragoza, Murcia, Cantabria e A Coruña. Incorporáronse o pasado venres, día 2, polo que durante esta fin de semana puideron gozar na festa do pemento de Herbón e na romaría vikinga de Catoira, coñecendo un pouco máis a cultura galega.

O director do campo, Iago Pérez, e o arqueólogo David Fernández, estiveron explicándolle as autoridades o traballo que van a desenvolver o mozos ata o vindeiro día 13, cando rematará actividade. Hoxe estaban facendo tarefas de recuperación da entrada do castro e van continuar coa limpeza do acceso ata a aldea de Socastro.

Ademais de darlles información aos mozos do que se leva feito e o que significa este castro, “queremos continuar recuperando e descubrindo espazos do castro que non son accesibles para que se poidan visitar”, explicaba o arqueólogo David Fernández. “Queremos incidir en que se conserven todos os elementos de interese do castro, para que se poida seguir gozando deles en anos vindeiros, e conservar elementos tan importantes como a entrada e a muralla principal do recinto”, engadiu.

 ALI7947

Tarefas que os participantes complementan coa escavación, prácticas de limpado, siglado, rexistro e debuxo arqueolóxico do recinto, ademais de con outras actividades culturais, obradoiros de cerámica e de música galega, así como asistir ás festas tradicionais e a visitas guiadas polos concellos limítrofes.

O castro de Socastro está configurado por un recinto principal de planta oval cunhas dimensións de 125 por 85 metros, delimitado por un parapeto de terreo que apenas sobresae 1 metro desde a superficie interior e que cae entre 3 a 5 metros ao exterior. Este castro é visible dende todas as montañas que rodean a conca fluvial do río Valeirón, polo que os arqueólogos que dirixen a escavación pensan que este centro sería a acrópole máis importante da comarca.

Os restos dunha casa, co tellado colapsado no interior e o chan de terra batida, construída sobre outra casa da época romana, fai pensar que este castro estivo habitado de forma continuada ata o século IV despois de Cristo, o que da unha idea da importancia do traballo que o Concello de Rois ven promovendo dende hai dez anos para poñer en valor este enclave celta e potenciar, deste xeito, o patrimonio do municipio. Neste castro, que estivo habitado durante uns 600 anos, puideron chegar a vivir ata 400 persoas, en opinión de David Fernández.

  • Persoas de todas as idades de diferentes puntos de Galicia gozaron co concerto dun grupo referente da música tradicional galega

  • Virandeira Folk puxo o peche a unha xornada na que o bo ambiente e a convivencia interxeracional e familiar foi a tónica

  • Grupo do OCT Chorima, Grupo de Danzas da Asociación Leira de Ordes e Os Trazantes de Tenorio de Cotobade, protagonistas do festival folclórico da tarde

20190728 Naturfest 01 ALI6402

Nin os máis vellos do lugar recordan algo semellante. O campo da festa de Rois quedouse onte pequeno para acoller ás 1.500 persoas de todas as idades e procedentes de diferentes puntos de Galicia que se achegaron ao festival Natufest para asistir en directo ao concerto de Treixadura, un dos referentes da música tradicional galega. “Vin a xente de Rois no campo da festa que nunca a vira antes nun concerto ou festival”, aseguraban membros da organización do Rois Naturfest, organizado polo Concello de Rois e o OCT Chorima coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

20190728 Naturfest 05 ALI6484

Treixadura presentou en Rois o seu último disco, ‘Inda Canto!’, nun concerto que xa ten percorridas 30 localidades galegas pero que aínda conta con moito tirón. Disto da fe o feito de que onte en Rois houbera persoas das catro provincias galegas, algunhas chegadas ata de Monforte. Ademais de cantar as cancións do seu novo traballo, Treixadura, que no 2020 cumprira 30 anos sobre os escenarios, tamén cantou algúns dos temas máis populares que lle deron soa internacional como ‘Se chove’ ou ‘O carro’, a súa versión do poema de Manuel María.

Unha hora e media de música de gran calidade que fixo gozar a o público que enchía o campo de festa, e no que se mesturaron persoas de todas as idades, dende nenos que ían en cadeiras para bebés ata bisavós. Todos eles cantaron, bailaron e aplaudiron a música dun grupo que xa ten seis discos no mercado e segue fiel ao seu son característico tentando levar a interpretación da música tradicional ao máximo nivel artístico e escénico para recuperar o importante legado dos nosos ancestros.

Despois tocoulle a vez a Virandeira Folk, o grupo vigués que sabe como ninguén mesturar diferentes xéneros, dende a música celta ao rock, volveu estrear unha canción en Rois, como xa fixera o ano pasado, e que levantou numerosos aplausos entre o público presente.

Así remataba unha gran noite na que representantes de Treixadura agradeceron o esforzo do Concello de Rois e da Rede Cultural da Deputación por contar con eles para formar parte do Rois Naturfest, ao tempo que recoñecían a importancia de que fosen os grupos locais os que participasen no festival folclórico da tarde. Pola súa banca, Chema Alonso, de Viraneira Folk, calificou en varias ocasión ao Rois Natufest como “un festivalazo que non defrauda” e do que o grupo vigués se sinte orgulloso de formar parte.

O Rois Naturfest xurdiu da fusión do Rois Arrasa; organizado polo Concello, e do Naturfest, promovido polo OCT Chorima, que ten como un dos seus obxectivos “situar a Rois como un referente na promoción da música galega e para poñer en valor o patrimonio artístico e cultural cun evento que sexa recoñecido más aló das nosas fronteiras” , como sinalaba o alcalde, Ramón Tojo, na presentación.

20190728 Naturfest 02 ALI6523

Trail, xantar popular e festival folclórico

O certo é que foron moitos os parabéns que recibiu a organización do Rois Natufest, da que forman parte representantes do Concello de Rois e do OCT Chorima. Pero o exitoso festival foi só a última actividades dunha intensa xornada, que comezaba pola mañá coa saída da andaina e do III Trail Naturfest, no que máis dun cento de participantes percorreron 15 quilómetros polo municipio de Rois. Os gañadores deste trail foron Luis Calvo Castro e Verónica Calvo Dopazo (categoría sénior), e Daniel Paz Pardo  e Beatriz Barroso Pérez (veteráns). Os resultados do trail podense ver neste enlace (preme aquí).

As Pandeireteiras de Ermedelo puxeron a música matinal antes de que dese comezo o xantar popular, no que este ano participaron 180 persoas, o dobre que o ano pasado, unha mostra de que a iniciativa do Concello e de Chorima de promover conxuntamente esta iniciativa empeza a dar os seus froitos. Estaba previsto que tamén intervisen as Repeniqueiras de Urdilde, pero finalmente non estiveron presentes debido a unha grave enfermidade da súa presidenta.

20190728 Naturfest ALI6332

Os xogos populares deron paso a media tarde a un festival folclórico no que participaron diferentes agrupacións do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, o Grupo de Danzas da Asociación Cultural Leira de Ordes e a Asociación Cultural Os Trazantes de Tenorio, de Cotobade (Pontevedra).

Unha xornada intensa, de convivencia e para recuperar vellas tradicións coa que a organización quere “manter o sentimento das vellas tradicións do pobo e dos seus costumes. Xuntar ás persoas do noso entorno e a outras de toda Galicia, para pasar un día de lecer, un día de convivencia, onde nos vexamos e, todos xuntos, poidamos gozar do deporte, do xantar, dos xogos, do baile, da música e das nosas tradicións”, como mencionaba Laura Ríos o día da presentación.

No descanso do festival, a organización entregou o premio do xorteo que de Facebook e grazas ao cal Maty Moares Lago gañou unha cea para dúas persoas no restaurante Fogar do Selmo.

Album de fotos resumo da xornada no Facebook do #RoisNaturfest (neste enlace).

20190728 Naturfest ALI6496