20191008 III Mostra Teatro RoisA III Mostra de Teatro do Concello de Rois volve apostar polas compañías galegas de referencia. A fin de semana do 18 ao 20 de outurbo o auditorio municipal acollerá os espectáculos de Talía Teatro, Educa Teatro e Contra Producións. Ao contar cun aforo limitado, os interesados deberán recoller as entradas no edificio multiusos de Rois entre os días 9 e 17 de outubro.

O venres 18 de outubro a coprodución de Contra Producións e FIOT Carballo chega a Rois. ‘Fillos do Sol’, o espectáculo escrito e dirixido por Cándido Pazó dirixida a maiores de 14 anos, comezará ás 20.00 horas e achegará aos asistentes un punto vista novo a través do cal coñecer ao escritor Eduardo Pondal e ‘Os Eoas’, a obra que ocupou toda a súa vida. O sábado á mesma hora será o turno de Talía Teatro e a súa ‘Vida de Cans’. A comedia para maiores de 13 anos conta a historia de Nemo, Lupo e Nolo, tres cans que apesares de estar moi ben atendidos, anhelan a liberdade.

O domingo 20 de outubro a música será a protagonista da man da versión para toda a familia da clásica ‘Carapuchiña vermella’ de Educa Teatro. O auditorio municipal acollerá a partir das 18.00 horas o musical que conta a gran aventura dunha rapaciña que atravesa un bosque cheo de sorpresas para levarlle á súa avoa unha cesta coa merenda.

O aforo para as tres xornadas estará limitado, polo que os interesados poderán achegarse ao edificio multiúsos de Rois entre os días 9 e 17 de outubro para recoller un máximo de dúas entradas por persoa, en horario de 10.00 a 13.00 horas os luns, mércores e venres; de 16.00 a 20.00 horas de martes a venres e de 17.30 a 20.00 horas os luns.

 

III MOSTRA DE TEATRO DE ROIS
Auditorio Municipal

Venres, 18. 20:00 horas. Fiol Carballo e Contra Producións ‘Fillos do Sol’

Sábado, 19. 20:00 horas. Talía Teatro: ‘Vida de Cans’

Domingo, 20. 18:00 horas. Educa Teatro: ‘Carapuchiña Vermella’