O alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens, recomenda á veciñanza quedar na casa e colaborar coas autoridades nun vídeo publicado na web municipal. O rexedor repasa na gravación algúns dos traballos especiais que se están a levar a cabo desde o consistorio, tales como desinfección e limpeza de centros médicos e atención ás persoas máis necesitadas do municipio.

"Quedade na casa. Todos xuntos venceremos ao coronavirus", proclama Tojo, que chama á cidadanía a extremar as precaucións para frear o avance da pandemia. O Concello de Rois, recorda, está "para axudar a toda a veciñanza". Así, por exemplo, mantense o servizo de axuda no fogar para distribución de alimentos ás persoas que o precisan. "Loitamos polas familias", afirma, "na medida do posible ou máis alá aínda. En calquera cousa que necesitedes non dubidedes en chamar ao Concello ao 981 80 41 09".

Debido ao estado de alarma actualmente en vigor en virtude do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, e de acordo coa Resolución de 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se da publicidade ao acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico, o Servizo de Prestacións, Inclusión e Inmigración da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social da Coruña comunica que permanecerá en servicios mínimos para a realización unicamente das súas funcións esenciais e en consecuencia paralízanse os prazos procedimentais tanto de Renda de inclusión social de Galicia (Risga) como de pensión non contributiva (PNC), incluída a presentación das revisións anuais das pensións non contributivas, ata próximo aviso.

20200304 ciberseguridadeO alumnado do Obradoiro de Garantía Xuvenil dos concellos de Rois, Padrón e Dodro realizou unha visita didáctica ao Centro Demostrador Tic Galicia (CDTIC). Acompañados polo persoal docente do CDTIC asistiron a unha ‘Xornada sobre ciberseguridade’, organizada por Amtega e Gradiant, para coñecer polo miúdo as típicas ameazas e perigos que poden afectar aos usuarios e, moi importante, como protexerse deles.

A temática incluíu fraude, phishing, extorsión, roubo de información, secuestro de datos, ciberacoso, ciberbullying, perigos en dispositivos móbiles… Todo contidos relacionados ca materia do Certificado de Profesionalidade que se está a impartir no Obradoiro de Emprego.

https://cdtic.xunta.gal/es/charlaciberseguridade

20200309 Maria Soñora webA veciña de Rois María Sóñora Fontenla cumpriu este sábado, 7 de marzo, 102 anos, converténdose así na persoa de maior idade do municipio. Esta veciña de Silvarredonda, na parroquia de Buxán, celebrou o seu aniversario con "boa saúde, bo humor, moita ilusión e ganas de vivir", como salientaron os seus familiares.

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, visitou a Sóñora no día do seu 102 aniversario para facerlle entrega dun ramo de flores. Non é a primeira vez que a "avoa de Rois" recibe un recoñecemento oficial, dado que en 2018 foi a homenaxeada nas festas patronais do Santo Isidro e recibiu o premio a "Toda unha vida".

María Sóñora Fontenla naceu o 7 de marzo de 1918 na aldea de Cornes e cando casou con Jesús Neo, aos 22 anos, foi vivir a Silvarredonda. Alí axudou ao seu home na transformación da explotación agrícola. Como moitas mulleres, Sóñora tivo que ocuparse da casa, da crianza e educación dos fillos, do coidado dos maiores e dos traballos do campo. A súa vida é un reflexo da época que lle tocou vivir e, malia que só foi dous anos a escola, a súa inquietude levouna a superar esta carencia e a querer saber. Aínda hoxe dedícalle horas á lectura para estar ao día da actualidade.

María Sóñora tivo dúas fillas e un fillo e hoxe en día goza da compaña dos seus netos e bisnetas. Precisamente unha neta de Sóñora, María Jesús Castro Neo, foi unha das protagonistas da exposición 'Aloitadoras' inaugurada este domingo con motivo do 8 de marzo, por ser a primeira muller concelleira da etapa democrática en Rois.

20200219 Centenaria webO club de centenarios e centenarias de Rois conta cunha nova integrante. Josefa Boullón Rey, veciña do lugar de Faro na parroquia de Buxán, recibiu a visita do alcalde, Ramón Tojo, e do concelleiro de Obras e Urbanismo, Carlos Ares, que lle entregaron un peregrino de bronce como agasallo do Concello de Rois para celebrar esta efeméride e conversar durante uns minutos.

Ramón Tojo e Carlos Ares desexáronlle a Josefa Boullón un feliz aniversario e que siga gozando de boa saúde moitos anos máis. Na actualidade, o Concello de Rois conta con tres persoas centenarias, unha delas preto de cumprir os 102 anos, e varios veciños e veciñas máis están a piques de entrar a formar parte do selecto club dos 100.