20200214 Visita didactica portada

20200214 Visita didactica interiorO alumnado do Obradoiro de Garantía Xuvenil dos concellos de Rois, Padrón e Dodro “Xuventude en Acción 2019” visitou o pasado venres o IX Salón da Oferta da Educación e Formación de Galicia (Edugal) no recinto feiral de Pontevedra. Organizado pola Asociación da Mediana e Pequena Empresa (Aempe), Edugal celebrouse entre o 12 e o 14 de febreiro co obxectivo promocionar a oferta educativa galega e servir de ponte entre a formación e o mundo laboral, establecendo un  contacto directo entre o público xeral, entidades, institucións e empresas.

Así, os alumnos e alumnas de Xuventude en Acción, acompañados polo persoal docente, administrativo e a dirección, visitaron os 56 expositores de Edugal, ademais de asistir a conferencias, charlas de orientación e formación sobre o emprego ou obradoiros demostracións.

O Obradoiro de Emprego Xuventude en Acción 2019 está promovido polos concellos de Rois, Padrón e Dodro, para a formación de 10 alumnos/as traballadores/as menores de 30 anos, na especialidade de Confección e publicación de páxinas web segundo a subvención concedida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, ao abeiro da Orde 4 de abril de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dirixidos a persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.