20200317 Concello de Rois medidas coronavirus

A Xunta de Galicia acaba de establecer diferentes medidas para paralizar os prazos de presentación ou renovación de solicitudes debido á situación de alerta provocada pola pandemia do coronavirus Covid-19. Así, non será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de abril e o dereito a cobrar a prestación por desemprego queda garantido sen ter que cumprir o prazo habitual para solicitalo (ver medidas neste enlace). Tamén se paralizan os prazos tanto da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) como o das pensións non contributivas (PNC). 

Debido ao estado de alarma actualmente en vigor en virtude do Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo, e de acordo coa Resolución de 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se da publicidade ao acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico, o Servizo de Prestacións, Inclusión e Inmigración da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social da Coruña comunica que permanecerá en servicios mínimos para a realización unicamente das súas funcións esenciais e en consecuencia paralízanse os prazos procedimentais tanto de Renda de inclusión social de Galicia (Risga) como de pensión non contributiva (PNC), incluída a presentación das revisións anuais das pensións non contributivas, ata próximo aviso.

Nas medidas urxentes de emprego acordadas pola Xunta indícase que non será necesario renovar a demanda de emprego ata o 30 de abril e recoméndase utilizar as vías telemáticas (sede electrónica), a través de correo electrónico ou cunha chamada telefónica. A relación de oficinas do SEPE na provincia da Coruña e os seus datos de contacto, pódelas atopar neste enlace.

As citas presenciais de orientación laboral quedan suspendidas, e tamén se aprazaron todas as accións formativas mentres dure a suspensión das actividades educativas.

Así mesmo, dende as oficinas de prestacións dependentes do SEPE non se terán en conta os prazos establecidos para a prestación ou subsidio de desemprego. Isto é, o dereito á prestación ou subsidio queda asegurado sen ter que cumprir o prazo habitual para solicitalos (tes toda a información neste enlace).

Oficinas municipais en servizos mínimos

Seguindo as recomendacións das autoridades competentes, o Concello de Rois pechou as instalacións municipais (ximnasio, bibliotecas, pavillóns, escola de música, etc.) e suspendeu todas as actividades municipais (culturais, deportivas, excursión da terceira idade, obradoiros, cursos, etc).

Respecto da atención ao público nas dependencias municipais farase preferentemente por teléfono, chamando ao 981 804 109 ou por vía telemática na sede electrónica do Concello de Rois (https://sede.rois.es). A atención presencial na casa consistorial está en servizos mínimos e limitarase só a casos de urxencia ou extrema necesidade, e será preciso concertar previamente cita a través dunha chamada telefónica.

Xulgado de paz

Ante a situación de emerxencia sanitaria declarada, o Xulgado de Paz de Rois pon en coñecemento da veciñanza o novo horario de atención ao público. Durante o estado de alarma non hai asistencia ao público en xeral. Só se están a prestar os servizos esenciais de 10 a 11 da mañá.

O Sergas informa de posibles aprazamentos de citas

Así mesmo, dende o Servizo Galego de Saúde infórmase da posibilidade de suspensión ou aprazamento da actividade cirúrxica programada, as consultas externas non urxentes e os programas de cribado poboacionais. Neste senso, dende o Sergas informan que, de ser necesario, se procederá a contactar de forma individualizada polo que non se debe chamar aos servizos correspondentes. Se non recibe ningún aviso, a súa cita mantense.

Pode consultar a información completa na Instrucción 6/2020 da Xerencia do Servizo Galego de Saúde sobre a reordenación asistencial motivada pola situación actual do novo coronavirus en Galicia (preme neste enlace).

Seguindo as indicacións das autoridades sanitarias (ver neste enlace), o Concello de Rois solicita a todos os veciños e veciñas que permanezan #NaCasa e sigan os consellos para tentar previr a evolución desta pandemia. Para solicitar información xeral sobre o novo coronavirus, a Xunta de Galicia pon a disposición da poboación o teléfono gratuíto 900 400 116. Así mesmo, neste enlace pódese consultar toda a información que están a ofrecer as autoridades sanitarias de forma actualizada.

Na seguinte imaxe podes consultar as recomendacións da Xunta sobre como actuar fronte ao coronavirus.

COMO ACTUAR Preguntas Frecuentes