20200714 Parcela publical Samil WEB

O Concello de Rois comezou as obras de acondicionamento para habilitar prazas de aparcamento na finca municipal situada xunto a farmacia de Samil, preto da casa consistorial, na parroquia de Antequeira. Nesta parcela de 6.200 metros cadrados o equipo de goberno quere construír vivenda de promoción e unha zona de lecer para a veciñanza.

Mentres analiza a mellor fórmula para a construción de vivendas de promoción, o goberno local está acondicionando a finca para construír novas prazas de aparcamento, tanto xunto a estrada como no interior da parcela.

A primeira medida é a de retranquear os límites da parcela, para respectar o aliñamento aprobado en pleno co resto de construcións de Samil, gardando a liña coa farmacia e os demais edificios desta marxe da estrada ata a casa consistorial. Este espazo que se vai gañar de beirarrúa dende o límite da estrada AC-301 ata a liña que marcan os edificios, destinarase a prazas de aparcamento. Mentres non se inicia a construción de vivendas e da zona de lecer, tamén se vai permitir o aparcamento de vehículos sobre esta parcela.

20200701 CompostaxeO Concello de Rois lanza unha campaña de formación para a elaboración de compostaxe doméstica. A programación comeza este venres, 3 de xullo, cun curso monográfico gratuíto de dúas horas de duración. O Concello conta coa colaboración das asociacións municipais na difusión desta iniciativa, coa finalidade de formar á veciñanza no proceso correcto de creación de compost.

O primeiro curso monográfico de compostaxe realizarase no edificio multiúsos de Rois entre as 19.00 e as 21.00 horas. As persoas asistentes poderán coñecer polo miúdo o proceso de compostaxe doméstica e recibirán de balde un manual e un composteiro doméstico co que poñer en práctica os coñecementos adquiridos.

Esta actividade ten límite de prazas, polo que é preciso anotarse con antelación a través das asociacións municipais ou ben no Concello, chamando ao teléfono 981 804 109 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. no que se indiquen os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, enderezo e teléfono. As prazas asignaranse por orde de inscrición.

Aínda que estaba previsto iniciar esta campaña con anterioridade, a situación derivada da pandemia de Covid-19 obrigou a suspendela. Agora, o Concello retoma a iniciativa con esta primeira actividade, á que seguirán futuras intervencións formativas nesta materia. Ademais da cooperación coas asociacións veciñais de Rois, a campaña conta coa colaboración da Oficina Española de Cambio Climático, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

A Consellería de Medio Rural deseñou un protocolo coas instrucións a seguir no ámbito agrogandeiro durante a emerxencia sanitaria provocada polo coronavirus. A suspensión dos permisos de queima, os prazos para solicitar a PAC, o coidado dos animais e cultivos ou os teléfonos de consulta de Medio Rural son algúns dos temas que se detallan neste documento informativo.

Unha das medidas adoptadas pola Administración en todos os ámbitos, e tamén no rural, é a suspensión dos prazos para a tramitación de procedementos administrativos. A suspensión supón que non "corren" estes prazos, desde a entrada en vigor do estado de alarma, retomándose o seu cómputo cando finalicen os 15 días de duración do mesmo e a expensas dunha prórroga, se a houbese. No caso de presentación telemática dunha solicitude de subvención, esta forma de tramitación segue operativa, se ben os prazos non corren.

Hai que facer unha mención á parte para as axudas europeas da Política Agraria Común (PAC). Así, se ben os prazos marcados pola administración autonómica ou estatal están suspendidos ou interrompidos polo Real decreto de declaración de alarma, non é así cos prazos europeos. Porén, a Unión Europea vén de ampliar o prazo de solicitudes da PAC para a campaña 2020 ata o 15 de xuño.

Medio Rural informa tamén de que a realización de queimas controladas en terreos rústicos está prohibida ata novo aviso. Tamén quedan sen efecto as autorizacións e comunicacións de queimas xa notificadas e suspéndese a solicitude de novas autorizacións. Xa que logo, non está permitido o uso do lume para ningunha actividade agrícola e forestal.

No referido aos mercados, está prohibida a apertura de mercados gandeiros, agrarios e tradicionais; a excepción dos establecementos de venda de subministros agrícolas e de alimentos para animais.

No documento de preguntas e respostas publicado por Medio Rural trátanse cuestións de todo tipo. Á pregunta de se é posible saír pasear se se vive no rural rodeado de monte, a resposta é que só se pode saír da casa a pasear un animal de compañía dando dó paseos curtos. Figuran tamén as respostas a consultas sobre compartir vehículo para desprazarse ao lugar de traballo, ir alimentar os animais que hai na segunda vivenda, os requisitos no coidado das fincas de autoconsumo, etc.

A Consellería tamén informa dos protocolos de actuación para as granxas e para o sector agroindustrial e dispón de servizos mínimos para loitar contra os incendios, atender as necesidades de gandeiros e agricultores e coidar dos animais e cultivos dos seus centros de investigación.

Neste enlace pode consultar as preguntas e respostas referidas ás instrucións, protocolos e medios de contacto da Consellería do Medio Rural durante a emerxencia sanitaria.

20200629 Semaforos Rois

A empresa Eulogio Viñal comezou a instalar xa os dous semáforos que van controlar a velocidade en Rois, no cruzamento da AC-301 en Antequeira, para mellorar a seguridade viaria.

Esta intervención fóralle solicitada polo Concello á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que adxudicou as obras o pasado 9 de marzo, cun investimento de máis de 34.000 euros.

O alcalde, Ramón Tojo, considera que esta obra vai servir para diminuír o numero de accidentes na zona e mellorar a seguridade viaria. Estes días estanse a instalar dous semáforos, un en cada sentido, cun sensor de velocidade con cambio a vermello ao superar os vehículos os 50 km/h.

Espérase que esta actuación mellore a seguridade viaria, tanto de peóns como de vehículos. O cruzamento da AC-301 coa estrada provincial DP-3302 atópase nun cambio de rasante, que dificulta a visibilidade, con risco de accidentalidade por exceso de velocidade.

20200629 Semaforos Rois 2

20200310 SemaforosA Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou a obra para a instalación de dous semáforos que controlarán a velocidade na estrada AC-301 ao seu paso polo tramo urbano de Rois. Esta intervención foi demandada polo Concello de Rois e suporá un investimento de máis de 34.000 euros.

Coa finalidade de mellorar a seguridade viaria, instalarase un semáforo por sentido de circulación no punto quilométrico 3+650, cun sensor de velocidade con cambio a vermello ao superar os vehículos os 50 km/h.

O contrato foi adxudicado á empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones, S.A. As obras comezarán nas vindeiras semanas e contan cun prazo de execución dun mes.

Máis información neste enlace.