As novas depuradoras permitirán mellorar a auga dos ríos de Rois

O Concello de Rois poderá levar a cabo as obras de saneamento abastecemento de augas nas parroquias de Sorribas e Urdilde grazas a unha achega de medio millón de euros que recibirá da Consellería de Medio Ambiente e Ordenador do Territorio. O convenio foi aprobado no último Consello da Xunta de Galicia. 

Coas novas depuradores que se van instalar, ademais de mellorar servizos básicos á poboación, garantirase a recuperación dos ecosistemas fluviais e a mellora ambiental das augas dos ríos do concello. Estas melloras foron algunhas das peticións que o alcalde, Ramón Tojo, lle plantexou á conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, na última xuntanza que mantivo con ela na consellería.

Cun orzamento máximo de 500.000 euros, darase unha solución á situación actual do saneamento nestes puntos do Concello de Rois, cuxas augas son tratadas por unhas estacións depuradoras que non prestan o servizo de forma axeitada. Por isto, proponse en cada unha destas zonas a instalación dunha nova depuradora que atenda a demanda actual e futura.
No caso da parroquia de Sorribas proponse executar unha nova depuradora compacta para tratar as augas residuais dos núcleos, conectando a Edar existente, que non presenta un funcionamento óptimo. Mentres, na parroquia de Urdilde as obras consisten fundamentalmente na demolición e retirada da depuradora existente, así como a instalación dunha nova depuradora de maior capacidade.

Grazas a esta acción, ofrécelles aos veciños un acceso aos servizos básicos de abastecemento e depuración e unha mellora da calidade de vida, ao tempo que se recuperan zonas degradadas polas achegas nos distintos ecosistemas fluviais e se acada unha mellora ambiental da calidade das augas dos ríos.

Esta nova actuación é unha aposta máis do Goberno galego pola mellora das augas e a conservación do ambiente neste municipio, na que xa se teñen dado mostras de cooperación da Xunta -a través de Augas de Galicia- e o Concello de Rois. Esta colaboración entre ambas as dúas administracións permitiu levar a cabo outros investimentos en materia de infraestruturas hidráulicas, como a ampliación do abastecemento e saneamento en Macedos.