20180913 Rois alcalde firma convenio DEPURADORAS web

 

O alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens, e a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinaron esta mañá o convenio aprobado polo Goberno galego para mellorar o sistlema de saneamento e abastecemento das parroquias de Urdilde e Sorribas. A Consellería licitará este outono o proxecto, por un importe máximo de medio millón de euros.

O importe do convenio establece un orzamento máximo de 500.000 euros e as actuacións permitirán dar unha solución á situación actual do saneamento nestes puntos do Concello de Rois, cuxas augas son tratadas por unhas estacións depuradoras que non prestan o servizo de forma axeitada. Por isto, proponse en cada unha destas zonas a instalación dunha nova depuradora que atenda á demanda actual e futura.

No caso da parroquia de Sorribas, proponse executar unha nova depuradora compacta para tratar as augas residuais dos núcleos, conectando á Edar existente, que non presenta un funcionamento óptimo. Mentres, na parroquia de Urdilde as obras consisten fundamentalmente na demolición e retirada da depuradora existente, así como a instalación dunha nova depuradora de maior capacidade.

Grazas a esta acción, ofrécese aos veciños un acceso aos servizos básicos de abastecemento e depuración e unha mellora da calidade de vida; ao tempo que se recuperan zonas degradadas polas achegas nos distintos ecosistemas fluviais e se acada unha mellora ambiental da calidade das augas dos ríos.

Esta nova actuación é unha aposta máis do Goberno galego pola mellora das augas e a conservación do medio ambiente neste municipio, no que xa se teñen dado mostras de cooperación da Xunta -a través de Augas de Galicia- e o Concello de Rois. Esta colaboración entre administracións permitiu levar a cabo outros investimentos en materia de infraestruturas hidráulicas, como a ampliación do abastecemento e saneamento en Macedos, cun importe de case 230.000 euros.