20190621 ALI4639

Os alumnos e alumnas que acoden ás escolas deportivas municipais en Urdilde participaron esta mañá na exhibición que serviu para amosarlle aos familiares presentes e compañeiros do CEIP O Pumar todo o que aprenderon. Houbo exhibicións de hóckey dos máis cativos que acoden a predeporte; de patinaxe, judo, fútbol sala e bádminton.

Con esta xornada festiva, que coincidiu ademais coa festa de fin de curso que organizou no colexio a ANPA Urcael, o Concello de Rois clausurou as actividades das escolas deportivas municipais correspondentes a este curso. Unhas escolas nas que participaron este ano máis de 120 nenos e nenas.

Podes ver o album de fotos no Facebook do Concello de Rois (neste enlace)

20190621 ALI4582

20190621 piscina Senra arquivo

O Concello de Rois abrirá o vindeiro luns, día 24 de xuño, a piscina municipal de Senra, na parroquia de Augasantas, que será de acceso gratuíto durante toda a época estival e contará con servizo de socorrista.

O horario para gozar desta instalacións municipal será de 16.00 a 20.30 horas de luns a venres, e de 16.00 a 21.00 horas os sábados e domingos.

20190615 IMG 1612

Ramón Tojo Lens comprometeuse esta mañá a seguir “traballando por todos os veciños, con humildade e seriedade” despois de ser elexido alcalde de Rois por maoría absoluta por cuarto mandado consecutivo. Tojo animou a todos os integrantes da Corporación, ao que se incorporan dos novos concelleiros, a “traballar por todos os veciños e veciñas do municipio”

Ramón Tojo foi elexido alcalde por maioría absoluta, ao contar cos sete votos a favor do Partido Popular. Manuel Regueira Miguens, do Partido Socialista, obtivo tres votos, e o BNG xa non presentou candidatura a alcaldía.

A mesa de idade estivo presidida por Manuel dos Santos, como concelleiro de maior idade, e Martín del Río, o máis novo. Precisamente, foi Dos Santos quen lle entregou o bastón de mando simbólico ao novo alcalde, despois de que este asumise o cargo. Tras a sesión de investidura, todos os concelleiros da nova Corporación de Rois fixéronse unha foto de familia nun salón de plenos que contou coa presenza de numerosos veciños.

Na súa intervención antes de rematar a sesión e recibir as felicitacións dos asistentes e saudar aos concelleiros da oposición, Ramón Tojo deulle a benvida ao Patricia Ces e José Manuel Iglesias, os únicos que se incorporan a Corporación de Rois nesta undécima lexislatura tras as primeiras elección democráticas nos concellos de 1979.

Ramón Tojo pediu “diálogo” a todos os concelleiros e “ter sempre presente os intereses xerais dos veciños e de toda a Corporación, porque somos os concelleiros de todas as persoas que viven en Rois”. Aínda que é a cuarta vez que resulta elexido alcalde, Ramón Tojo dixo sentir “un certo nerviosismo e moita responsabilidade. Para min é unha honra ser o alcalde do meu pobo, e terei sempre presente a humildade e a honestidade coa que vin traballando este anos”.

O alcalde recordou que, cando se incorporou por primeira vez á Corporación, “unha persoa moi achegada me dixo: segue así. E creo que non cambiei, aínda que teño máis anos e sol algo máis vello”. Tojo concluíu reiterando o seu orgullo por ser alcalde de Rois e asegurou que “hai 12 anos iniciamos con paso firme unha senda que segue contando co respaldo maioritario dos veciños, e seguiremos traballando así”.

20190615 IMG 1618

A nova Corporación

A Corporación de Rois para a presente lexislatura queda conformada polos seguintes concelleiros:

Partido Popular:Ramón Tojo Lens (alcalde), Manuel dos Santos Rodríguez, María Mercedes Basanta Ares, Carlos Ares Villar, Victoria Quiroga Ramallo, Manuel Cobas Rey, Martín del Río Gestoso

Partido Socialista:Manuel Regueira Miguens, Patricia Ces Ares, José Manuel Iglesias Pérez

Bloque Nacionalista Galego:Begoña Ares Calvo

20190619 ESMU venecia

Nenos e maiores que teñan afección pola música xa se poden matricular na Escola Municipal de Música (ESMU) de Rois ata o vindeiro 28 de xuño para recibir formación en diferentes instrumentos, linguaxe musical e música e movemento o vindeiro curso 2019-2020. A partir de 15 euros ao mes pódese formar parte dunha escola que programa numerosas actividades durante todo o curso escolar, con concertos didácticos e intercambios con outras escolas, algúns deles internacionais.

A Escola Municipal de Música de Rois admite alumnos a partir dos tres anos ata adultos de calquera idade. Entre os 3 e 8 anos, nenos e nenas poden participar nas clases de música e movemento, para comezar xa con algún instrumento a partir desta idade. 

Linguaxe musical, frauta, oboe, fagot, clarinete, saxofón, trompeta, trompa, trombón, tuba, violín, viola, violonchelo, contrabaixo, acordeón, guitarra, baixo eléctrico, piano, percusión, batería e canto son os instrumentos e especialidades que ofrece a ESMU, que no pasado curso contou con máis de 70 alumnos e alumnas.

As persoas interesadas deberán cubrir o formularion de matrícula que se atopa na arquivo adxunto (e tamén neste enlace), facer o pagamento no banco e entregar a documentación, xunto con dúas fotografías e copia do DNI ou libro de familia nas oficinas do concello. Os prezos oscilan entre os 15 euros mensuais para música e movemento, e os 40 euros ao mes por clases dun instrumento, linguaxe musical e grupo instrumental.

Tamén se contemplan descontos polo pago anual, matricularse en máis dunha actividade ou se varios membros dunha mesma familia acoden á Escola de Música.

O prazo para presentar toda a documentación remata o 28 de xuño.

Na ESMU de Rois preparan tamén ao alumnado para facer o exame de ingreso no conservatorio de grado profesional, intercambios musicais con outras escolas e algúns deles internacionais, e concertos durante todo o ano, ademais de concertos didácticos.

Nos dous últimos anos, alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música de Rois participaron nun intercambio en Venecia coa Escola Comprensiva Franca Ongao e o Liceo Musical de Venecia (en maio de 2018 puideron coñecer a cidade italiana), e, en abril deste mesmo ano, participaron noutro intercambio en Hungría, na localidade de Pasztó. En ambos casos estiveron acompañados por representantes do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima.

20190615 ALI4499

Patinaxe, judo, ximnasia rítmica, festival en inglés e teatro foron as actividades que programou o Concello de Rois esta tarde para a festa de clausura das escolas deportivas e actividades culturais en Rois, á que asistiron máis de cen persoas. O vindeiro venres, día 21, celebrarase a clausura en Urdilde.

20190614 ALI4438

Máis de cen persoas aplaudiron con gañas no polideportivo de Rois aos nenos e nenas que demostraron todo o que levan aprendido este curso nas disciplinas de patinaxe, judo e ximnasia rítmica. Nas escolas deportivas de Rois participan algo máis de 120 nenos, aínda que onte so participaron nas exhibicións os que acoden ao polideportivo dos Dices.

20190614 ALI4522

No auditorio municipal houbo tamén bastante afluencia de público para ver os progresos en inglés de nenos e nenas que acoden as actividades extraescolares nesta disciplina. Todos puideron gozar vendo cantar ao alumnado cancións en inglés, mentres na biblioteca os máis novos facían experimentos nunha nova sesión de Arrorois. Tamén os familiares que acoden a esta actividade escolleron dous títulos da biblioteca para engadir á exposición de libros que recomendaron os participantes no taller de contacontos.

Tras unha merenda para repoñer forzas despois de tanto exercicio, algunha que outra carreira para chegar do pavillón ata o multiúsos, e cansos de cantar, as risas non faltaron na representación das obras de teatro ‘Os tres porquiños’ e ‘Unha casa nada deshabitada’, coas que Os Vacalouras puxeron o colofón a xornada de hoxe.

20190614 ALI4509

En Urdilde, o próximo venres

O próximo venres, día 21, tocaralle o turno ao alumnado de Urdilde que participa nas escolas deportivas municipais, que participarán en exhibicións de predeporte, badminton, judo, patinaxe artística e fútbol sala. Estas actividades comezarán ás 10.00 horas e rematarán cunha festa con inchables que organiza a ANPA Urcael no patio do CEIP O Pumar de Urdilde.

Album de fotos no facebook do Concello de Rois (neste enlace).