Os Concellos de Rois e de Brión están executando diversas melloras no Castro Lupario cun investimento próximo aos 24.000 euros. As principais intervencións do proxecto consisten na limpeza e na mellora da sinalización das rutas de sendeirismo próximas do castro, que ocupa máis de dúas hectáreas de superficie, con dúas murallas de protección, e está situado entre os dous municipios.
Considerado un dos máis grandes da provincia da Coruña o Castro Lupario foi, segundo a lenda, residencia Raíña Lupa e está moi vinculado ao traslado dos restos do Apóstolo Santiago pola ruta marítima ata Santiago. Nas escavacións feitas nos anos setenta atopáronse importantes restos arqueolóxicos, “como un tesouro de moedas do século IV, un petroglifo que hoxe está no Museo do Pobo Galego, e tamén a cabeza dun guerreiro que se atopa no Museo das Peregrinacións”, indica Vanesa Trevín, a arqueóloga que coordina os traballos de limpeza.

Actualmente, só nas tarefas de roza manual, “xa se atoparon restos de cerámica, unha cuña e ata unha pedra de muíño”, sinala a arqueóloga, resaltando a importancia deste recinto. Vanesa Trevín explicoulles os pormenores dos traballos que se están a realizar aos alcaldes de Rois, Ramón Tojo, e Brión, José Luis García. Na visita ao Castro Lupario, os rexedores estiveron acompañados polo concelleiro de Rois Manuel Cobas, e pola técnica de Brión Dora Vieira.
O proxecto para limpar o castro, subvencionado nun 55% por Turismo de Galicia e financiado a partes iguais polos dous Concellos, pretende promover e estimular o sector turístico en Rois e en Brión para contribuír ao crecemento da economía local. Trátase dun primeiro paso para a conservación e posta en valor dun dos elementos patrimoniais máis singulares cos que contan os dous municipios.
Os primeiros traballos que se acometen, dirixidos por un equipo arqueolóxico, son os da eliminación da vexetación na coroa do castro e nunha franxa de entre tres e cinco metros na contorna da súa muralla exterior. Como é obvio, estase realizando directamente por operarios con maquinaria de man. O Castro Lupario levaba varios anos en situación de abandono, de modo que a retirada da maleza permite recuperar a súa visibilidade e facilita o acceso.
Ata o momento, unha media de seis persoas cada día levan xa un mes limpando este castro e estímase que se necesitará outro mes máis de traballo para poder rematar esta tarefa e deixar visible a muralla exterior e toda a coroa do recinto.
A seguinte acción será a sinalización dunha ruta de sendeirismo no Castro Lupario, que terá o seu comezo na Ponte Paradela (Brión) para chegar ao propio castro e volver polas aldeas de Beca e Xinzo (Brión) e Angueira de Castro e Faramello (Rois). O trazado incorpora diversos elementos patrimoniais de interese da zona. Contará cun panel de inicio de ruta e diversos postes e sinais de madeira, cumprindo sempre as normas da Federación Galega de Montañismo.
Do mesmo xeito, dentro deste proxecto será posta ao día a sinalización da ruta de sendeirismo na parroquia de Ribasar, en Rois, e de oito rutas de sendeirismo xa deseñadas nas parroquias brionesas de Bastavales, Os Ánxeles, Brión, Ons, Viceso e Luaña.

Sobre o Castro Lupario

A lenda fixou neste castro a residencia da raíña Lupa, cando os discípulos do Apóstolo Santiago trouxeron os seus restos a Galicia. Ocupa unha extensión superior ás dúas hectáreas, o que permite consideralo un dos de maior tamaño da provincia da Coruña. Tamén coñecido como Castro de Francos ou Castro do Faramello, este xacemento sitúase na parte central elevada entre varias aldeas localizadas na parte baixa do monte dos concellos de Brión, Rois e Teo. O monte no que se ubica, onde conflúen a comarca de Amaía e a veiga de Iria Flavia, dálle un enorme dominio visual sobre os vales da zona, Negreira e a serra padronesa.
A única escavación arqueolóxica que se coñece neste recinto castrexo foi realizada nos anos setenta do século pasado por Fernando Acuña Castroviejo e Milagros Cavada. A muralla, de grosor e altura considerables e variables segundo o tramo, presenta un relativo bo estado de conservación. O seu interior presenta unha ampla plataforma cruzada por varios muros no seu eixo central, posiblemente pertencentes ao castelo e torre medievais. Preto do xacemento discorre o río Tinto, ademais dun treito de Camiño que puido pertencer á variante portuguesa do Camiño de Santiago.