Cartel XIII PREMIO CICLISTA SAN ISIDRO FBUn ano máis, Rois convertirase na capital do ciclismo galego o vindeiro sábado 11 de maio. O Premio Ciclista do San Isidro chegará a próxima semana á súa decimo terceira edición, na que os participantes das categorías júnior, cadete e máster competirán nun circuíto esixente, convertido xa nunha das citas máis importantes do calendario autonómico tras doce exitosos anos.

O Premio Ciclista do San Isidro comezará ás 10 da mañá fronte á casa do concello de Rois, onde tamé se fará o reparto de dorsais. O percorrido será o tradicional, no que os ciclistas se enfrontarán a un trazado que parte da casa consistorial de Rois. Os participantes trascorrerán un terreo quebrado e rompepernas, que pasa polos lugares de Antequeira, A Pontenova, Oín e Samil. O número de voltas que se dará a este circuíto depende da categoría.

Esta competición é unha homenaxe a Suso Blanco Villar, gran ciclista nos anos oitenta e noventa (conta con varias etapas na Vuelta a España no seu palmarés e chegou a vestir o xersei de líder) que na actualidade é o director deportivo do Club Ciclista Padronés Aluminios Cortizo, desde o que promove a emerxencia de novas figuras deste deporte. É precisamente o C.C.Padronés o organizador da carreira, coa colaboración do Concello de Rois e da Deputación da Coruña, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta e Abanca.