20190518 ALI3641 home

20190518 Feira Santo Isidro 2019Centos de persoas achegáronse onte ata o campo da festa de Rois para participar nos diferentes talleres e visitar a feira de artesanía e a exposición de maquinaria agrícola e animais de razas autóctonas da Feira do Santo Isidro que organizou o Concello de Rois. O concurso de manexo de tractores volveu ser un dos máis concorrido da xornada, mentres que a cativada gozou cos talleres de cerámica e de elaboración de moedeiros de coiro, e cos xogos tradicionais. Xurxo Neo Suárez participou na exhibición de trial co Oza dos Ríos Motor Club.

O artesán local Camilo Seira, Tony Artesanos e Aleán das Olas Cerámica foron os encargados de impartir os talleres no que os máis novos puideron aprender a facer esculturas de barro, algunha xoias e tamén moedeiros de coiro tanto pola mañá como pola tarde, cando se celebrou unha ximkana na que participaron nenos e nenas.

Juan Carlos Puente, do Club Can de Palleiro, abreu a xornada cunha charla coloquio na que expuxo as principais características e animais de razas autóctonas que existen en Galicia. A medida que ían os participantes da segunda andaina do Santo Isidro, a iso do mediodía, o ambiente na feira comezou a medrar, e moitas persoas achegáronse ata a carpa de animais de razas autóctonas para ver as cabras, cans de palleiro, vacas, burros e galiñas, así como a exposición de maquinaria agrícola, e tamén aos diferentes e variados postos de artesanía que hai na feira.

As pandeireteiras do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima foron as encargadas de animar a sobremesa. Xa pola tarde, o protagonismo foi tamén para os mías novos, que gozaron cos inchables, os diferentes talleres e a actuación do Mago Teto.

Un dos momentos de maior expectación da xornada volveu ser, coma todos os anos, o concurso de manexo de tractores, no que os quince participantes tiveron que demostrar a súa habilidade conducindo marcha atrás os vehículos agrícolas por un circuíto preparado para expertos. Os gañadores foron Tito Pérez, cun tempo de 2:50, seguido de Eduardo Miguéns (3:41) e Manolo Rodríguez (4:56). No campionato de truco, gañou a parella formada por Sergio Ferreirós e Rebeca García, seguidos de Eloy Martínez e Andrea Freire e, en terceiro lugar quedaron Fernando Gago e Francisco Mateo. Os gañadores levaron como premio unha cesta de produtos artesáns cedida polos expositores da feira.

O concerto da Escola Municipal de Música de Rois, dos grupos de baile e pandeireta do OCT Chorima contou tamén cun gran seguimento do público e moitos aplausos. Pesdelán, que presentou o espectáculo ‘Na punta do pé’, foi tamén seguido por numeroso público e puxo o broche á Feira do Santo Isidro as dez da noite, antes de que as orquestras Capitol e Finisterre animasen a verbena nocturna, coa que remataron os actos organizados polo Concello de Rois para celebrar as festas patronais do Santo Isidro.

Albums de fotos no facebook do concello de Rois, nos seguintes enlaces:

- Grande ambiente e talleres e actividades para todas as idedes (preme aquí)

- Actuacións da Escola Municipal de Música de Rois e do OCT Chorima (preme aquí)

- Concurso de manexo de tractores e exhibición de trial (preme aquí)

- Feira de artesanía (preme aquí)

- Exposición de animais de razas autóctonas e de maquinaria agrícola (preme aquí).