20180905 EDM Urdilde 2

O Concello de Rois pechará este venres en Rois as actividades culturais e deportivas do curso 2018-2019 cunha festa o vindeiro venres pola tarde na que se poderán ver exhibicións deportivas, un festival en inglés, dúas obras de teatro e unha exposición de libros recomendados polos propios nenos. A festa comezará ás catro e media da tarde no polideportivo municipal e logo continuará no edificio multiúsos. O día 21 será a clausura das actividades en Urdilde.

Os nenos e nenas que asistiron ás escolas deportivas municipais de Rois durante este curso farán unha exhibición de patinaxe artística, judo e ximnasia rítmica no polideportivo de Rois as 16.30 horas deste venres, 14 de xuño.

De seguido, as actividades programadas para esta clausura continuarán no auditorio municipal, ás 17.30, na que se poderá gozar co festival de fin de curso de inglés.

Para repoñer forzas, o Concello ten programada unha merenda para todo o alumnado das actividades culturais e deportivas no propio edificio multiúsos. Os interesados en participar nesta merenda deberán confirmar a asistencia e comunicarllo aos respectivos monitores antes do mércores, 12 de xuño.

O teatro poñerá o colofón a esta festa. Os Vacalouras van estrear dúas obras especialmente pensadas para o público infantil: ‘Os tres porquiños’ e ‘Unha casa nada deshabitada’. A representación comezará ás 19.45 horas no auditorio municipal de Rois, e de seguro vai deixar abraiados a todos os nenos e nenas que acudan como público.

E entre actividade e actividade, todos os participantes poderán ver unha exposición de libros especialmente recomendados polos nenos e nenas que asistiron á actividade de contacontos durante este curso.

O día 21, clausura en Urdilde

En Urdilde, o Concello de Rois e a ANPA Urcael teñen programada a clausura das escolas deportivas municipais e a festa de fin de curso unha semana despois, o venres, día 21, pola mañá.

As actividades desenvolveranse no polideportivo municipal e no patio do CEIP O Pumar de Urdilde. As 10.00 haberá unha exhibición de iniciación polideportiva, e dez minutos despois será a de badminton. Exhibicións de judo, patinaxe artística e fútbol sala virán a continuación, antes de que todos os participantes e o alumnado do centro poida gozar da festa de fin de curso no patio co CEIP O Pumar, con inchables, que organiza a ANPA.