20191125 Cartel DivernadalO Concello de Rois abriu o prazo de inscrición para as actividades de conciliación e ocio do Divernadal, dirixido a nenos e nenas a partir de 4º curso de Educación Infantil. O Divernadal inclúe obradoiros distribuídos en dúas quendas, en Rois e Urdilde, servizo de amencer e saídas de lecer ao cine e á pista de xeo. As familias interesadas poden anotar as súas crianzas ata o xoves 5 de decembro.

Un dos obxectivos do Divernadal é axudar a conciliar a vida laboral e familiar, pero tamén ofrecer un espazo de ocio e aprendizaxe para os máis pequenos durante as vacacións de inverno. Así, os obradoiros desenvólvense en dúas quendas, a primeira en Rois (do 23 ao 27 de decembro) e a segunda en Urdilde (os días 30 e 31 de decembro e 2 e 3 de xaneiro). En ambos os dous casos, o horario vai das 9.30 ás 14.30 horas, podendo ampliarse co servizo de amencer de 7.30 a 9.30 horas.

O prezo do Divernadal é de 20€ por quenda sen autobús e 25€ con autobús, mentres que o servizo de amencer ten un custo de 5€ por semana. Aqueles que participen nas dúas quendas do Divernadal beneficiaranse dun desconto (35€ sen bus e 45€ con bus). Tamén se aplicará unha rebaixa nos prezos dun 20% para segundo irmán ou irmá, menores con discapacidade e familias numerosas.

No que se refire ás saídas, tanto ao cine o venres 27 de decembro como á pista de xeo o 3 de xaneiro, poden asistir nenos e nenas a partir de 1º de Primaria e valen 10€ cada unha. Para participar na actividade de patinaxe sobre xeo é imprescindible saber patinar. Ademais, nas datas previstas para as saídas haberá igualmente Divernadal nas dúas quendas, para os nenos e nenas que non asistan a estas actividades.