20191219 OPumar

 

20191219 Galiña OsDicesA concelleira de Cultura de Rois, Victoria Quiroga Ramallo, visitou esta semana os centros educativos do municipio e entregoulles aos escolares o material didáctico elaborado polo Concello para promover o galego no Nadal. Así, o alumnado da escola infantil Galiña Azul, do CPI dos Dices e do CPI O Pumar-Urdilde recibiu tres prácticos regalos: unha carta de Nadal, a unidade didáctica ‘Desexos de Nadal’ e un xogo do Nadal.

O material busca promover o uso do galego de xeito lúdico e educativo nestas datas festivas. A carta do Nadal ten dúas versións, en maiúsculas e minúsculas, adaptadas á idade dos pequenos e pequenas que as utilicen como medio para pedir os seus agasallos. A unidade didáctica ‘Desexos de Nadal’ propón varias actividades, como pasatempos do tipo de encrucillados ou caldo de letras ou cancións sobre o Apalpador, entre outras. Ademais, o xogo do Nadal está inspirado no tradicional xogo da Oca pero con temática destas datas e retrousos do tipo "De castaña a castaña, voume achegando á montaña" ou "Caín no carbón, vaia desilusión!". Trátase un xogo de mesa que serve para entreterse en familia ao tempo que se traballa o léxico do Nadal.

Todos estes materiais foron elaborados polas técnicas municipais de Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Rois, coa colaboración dos centros de ensino do municipio e co patrocinio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. Poden descargarse de forma gratuíta nos enlaces que figuran neste artigo.