20200103 pista xeo 01

20200103 Pista xeo 02Un grupo de 24 nenos e nenas de Rois maiores de 6 anos que participan no Divernadal acudiron esta mañá ata Santiago para gozar na pista de xeo que está montada en Área Central. A cativada, acompañada de minotores e monitoras, estiveron unha hora patinando e despois repuxeron forzas cunha merenda nas instalacións do centro comercial nunha mañá moi divertida e na que todos e todas gozaron moito.

O Divernadal de Rois superou este ano con creces o nivel de asistencia de anos anteriores, ao participar 70 nenos e nenas nas actividades que organizan membros da Asociación Neboeira Cultura e Tempo Libre. Ademais da visita de hoxe á pista de xeo, a pasada semana acudiron a ver unha película de cine, e tamén estiveron preparando os traxes cos que moitos dos nenos e nenas teñen previsto acompañar este domingo aos Reis Magos na cabalgata que irá dende a igrexa de Oín ata o polideportivo dos Dices.

Cabalgata de Reis

Resaltar a importancia da natureza e o monte que hai en Rois é a temática na que se inspirou o escultor Camilo Seira para deseñar unhas espectaculares carrozas nas que os tres Magos de Oriente sorprenderán á veciñanza de Rois. Tres carrozas que percorrerán a distancia entre a igrexa de Oín (a onde chegarán ás 18.00 horas para facer a ofrenda) ata o polideportivo dos Dices, onde serán recibidos polas autoridades municipais, pronunciarán unhas verbas e falarán con todos os nenos e nenas que os acompañen na cabalgata e acudan ata o polideportivo.

Precisamente, entre as actividades dos Divernadal, nenos e nenas estiveron preparando traxes especiais, utilizando produtos naturais, para participar na comitiva real do domingo. E tamén elaboraron un vídeo invitando a toda a veciñanza a participar na calbalgata de Reis.