Rois asinuo o primeiro irmandamento europeo en novembro de 2017

  • Cidadáns, administracións e expertos dos 27 países debaterán en catro eventos sobre o futuro de Europa

  • O primeiro encontro celebrarase en Rois e Santiago este ano. Os seguintes serán en Bulgaria, Malta e Grecia no 2021

  • O Concello que preside Ramón Tojo recibirá unha achega de 150.000 euros da Unión Europea

  • A Comisión Europea seleccionou 22 iniciativas das 147 presentadas

 20171116 Alcaldes web

 

Contribuír a que os cidadáns comprendan mellor a Unión Europea, a súa historia e a súa diversidade, e lograr unha maior implicación e participación da cidadanía no futuro da UE, loitando contra o euroescepticismo, é un dos obxectivos que persegue o proxecto presentado polo Concello de Rois que foi aprobado en Bruselas e no que participarán representantes dos 27 países da UE.

A Comisión Europea seleccionou 22 dos 147 proxectos presentados dentro do programa ‘Europe for Citizens’ (Europa para os Cidadáns). ‘As voces europeas desafían o euroescepticismo’ foi a proposta presentada polo Concello de Rois e a única aprobada en Galicia pola Axencia Executiva no ámbito Educativo, Audiovisual e Cultural (Eacea), dentro da subacción Redes de Cidades. O Concello que preside Ramón Tojo recibirá 150.000 euros para estimular e facilitar unha maior implicación dos cidadáns na Unión Europea e o que esta representa, conseguindo que participen máis nos asuntos correntes e coñezan mellor a historia da UE. Trátase, en definitiva, de mellorar as condicións para a participación cidadá e democrática a nivel da Unión Europea. 

O proxecto reunirá mediante catro eventos en diferentes países a cidadáns, representantes de administracións locais, expertos e representantes da sociedade civil dos 27 países da Unión Europea para debater sobre o futuro de Europa e desafiar o euroescepticismo.

Fomentar canles de participación para expresar que tipo de Europa queren os cidadáns e cal e a súa visión a longo prazo para o futuro da integración europea é un dos obxectivos do programa ‘Europa para os cidadáns’ que se porá en práctica no proxecto presentado polo Concello de Rois.

O primeiro dos eventos que inclúe a proposta de Rois para fomentar a participación dos cidadáns no futuro da Unión Europea celebrarase este ano en Galicia, concretamente en Rois e en Santiago de Compostela, en datas aínda por determinar. Os outros encontros de debate está previsto que se celebren durante o vindeiro ano 2021 en Bulgaria (Sofia-Nikopol), Malta (La Valleta) e Grecia (Markopoulo-Meseogaiadas). Nestes encontros organizaranse conferencias temáticas, seminarios, debates, visitas e crearanse redes para seguir fomentando o espírito de traballo conxunto para conseguir unha Unión Europea máis forte.

O alcalde de Rois,  Ramón Tojo, considera importante este proxecto, porque axuda a “estimular a participación democrática e cívica dos cidadáns, fortalecer o sentido de pertenza a Europa e o diálogo multicultural” fomentando a “colaboración entre concellos e institucións que presentan distintas realidades entre os socios europeos”.

“Con proxectos como este facilitamos que os cidadáns de diferentes países se sintan partícipes dun proxecto común e comprendan mellor o proceso de elaboración das políticas da Unión Europea”, engade Ramón Tojo. Para o alcalde de Rois, con estas iniciativas “promovemos oportunidades para que os nosos mozos e mozas comprendan mellor a realidade doutros países, e fomentamos os intercambios culturais e de voluntariado con outros países, fortalecendo a propia Unión Europea e a formación da nosa xuventude”.

Ramón Tojo propón tamén obxectivos ambiciosos ao considerar que o debate sobre o futuro da Unión Europea debe “chegar tamén a aquelas persoas que poñen en dúbida o proxecto común. Hai que canalizar as críticas á Unión Europea como un motor útil, construtivo e positivo para fomentar a integración a longo prazo e para favorecer que a UE se achegue a todos os cidadáns”, conclúe o alcalde, que lle agradece á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia a colaboración prestada para conseguir facer realidade este proxecto.

Outros irmandamentos e intercambios musicais

O Concello de Rois é un firme defensor dos proxectos conxuntos que contribúen a estreitar lazos entre os diferentes pobos e países “para seguir construíndo unha Europa máis forte entre todos e favorecer que a veciñanza de Rois poida participar en intercambios para coñecer outra forma de facer as cousas”, indica Ramón Tojo. 

En novembro de 2017 o alcalde Ramón Tojo firmaba en Rois o primeiro irmandamento cos concellos de  Pastzó (Hungría), Kalonda (Eslovaquia) e da unión de municipios dos distritos de Naxos e Taormina (Italia). Irmandamentos que en decembro de 2019 se ampliaban en Catania (Sicilia) con concellos doutros cinco países:  Mandanici (Italia), Gmina Przygodzice (Polonia), Hevizgyork (Hungría), Lukovit (Bulgaria), Qrendi (Malta) así como da asociación sueca Sissi ONG (Suecia).

En maio de 2018 alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música de Rois e do OCT Chorima participaban no primeiro intercambio co instituto comprensivo Franca Ongaro e co Liceo Musical de Venecia. En abril de 2019 ampliábase esta experiencia de intercambios en Hungría.