• Amigos e veciños arrouparon a familia na misa-homenaxe a quen foi, en palabras do alcalde, “un mestre en toda a extensión da palabra”

  • Asistiron ao acto a viúva, os fillos e os netos, así como autoridades municipais e os directores dos centros educativos do municipio

 

20200829 01 Homenaxe Don Joaquin Nuñez web

Arredor de cen de persoas reuníronse esta mañá no polideportivo de Urdilde para recordar a figura de don Joaquín Núñez Castro, mestre e director do colexio local durante case corenta anos e falecido o pasado mes de xullo. O alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens; o tenente de alcalde, Manuel dos Santos; e a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde, María Teresa Martínez, acompañaron na misa-homenaxe á viúva e aos familiares do finado. Tamén estiveron presentes os directores dos centros educativos de Rois e Urdilde, Ana Lamela e Benito Barrantes.

Cándida Sabarís e os fillos da parella, Xaquín e Alberto, recibiron o cariño da veciñanza, sequera simbólico, nun acto marcado polas precaucións sanitarias ás que obriga a pandemia de Covid-19. Participaron na misa-homenaxe arredor dun cento de persoas para un recinto cun aforo máximo de 250, coa colaboración de efectivos de Protección Civil, que dispensaron xel hidroalcólico para toda a concorrencia e velaron polo cumprimento das normas. “Nestas circunstancias, temos que aprazar os bicos e os abrazos, pero a presenza de tanta xente seguro que reconforta a familia”, apuntou na presentación do acto o tenente de alcalde, Manuel dos Santos. O cura de Urdilde, Juan Montero, oficiou a eucaristía, acompañado polo párroco de Meis (de onde era natural don Joaquín), Manuel Santa María.

O alcalde, Ramón Tojo, cualificou a Núñez Castro de “mestre, en toda a extensión da palabra”. “Don Joaquín merecía esta homenaxe, era moi querido en Urdilde”, lembrou Tojo, recordando a amizade do falecido co seu propio pai. “Sempre tiña tempo para os alumnos e para o centro”, destacou.

Neste mesmo sentido expresouse María Teresa Martínez, presidenta das Mulleres Rurais de Urdilde e exalumna ela mesma de Joaquín Núñez. “Humilde mestre, director, veciño e amigo”, dixo, “aprendeunos os valores da entrega, do traballo e do respecto neste centro que temos ao lado. Todos os que pasamos por aquí sentimos que formamos parte dunha familia”. Quixo recordar que don Joaquín organizaba para o alumnado “viaxes a lugares que daquela poucos coñeciamos e festivais fin de curso inesquecibles”. “Sentimos por el o mesmo respecto que el nos tiña a nós”, finalizou.

O acto rematou coa entrega dun retrato de Joaquín Núñez aos seus familiares. O seu fillo Xaquín pechou a misa-homenaxe expresando, de parte da familia, a “emoción e inmensa gratitude por este acto e polas mostras de consideración que recibimos, non só agora, senón desde que meu pai chegou aquí hai cincuenta anos”. “Cando xa estaba moi enfermo” desvelou, “meu pai quería vir a Urdilde a celebrar a amizade e a evocar anos felices. Dentro da dor, consola saber que viviu rodeado de afecto. El gozou da súa profesión e participou da comunidade, e nós nunca esqueceremos tanto aprecio. Por sempre e para sempre, moitas grazas”.

Máis fotos da misa-homenaxe, neste álbum do Facebook do Concello de Rois.