20200912 Seira web

20200912 Seira 5bA pasada fin de semana levouse a cabo a visita guiada ás obras artísticas produto da segunda edición do Land Art Seira, unha homenaxe á natureza desde o prisma da arte.

Camilo Seira, exerceu de guía nas visitas, e con moito agarimo e pausa foi explicando cada unha das obras realizadas pola vintena de artistas de diversas disciplinas (artes plásticas, música, arquitectura, deseño...) que asistiron este ano ao encontro. Se ben decir que aínda estaba en pé algunha obra da anterior edición.

Camilo explicou en detalle o proceso de creación de cada unha das obras, a inspiración dos e das artistas participantes e os resultados obtidos. “Era emocionante ver unha vintena de adultos durante unha xornada manipulando o medio natural, concentrados cada un na súa creación, obviando calquer outra variable allea ao seu proceso creativo, como nenos, unha imaxe moi rara de ver nos nosos días”, di o artista.

Camilo Seira explica de inicio a adaptación da filosofía Land Art a este evento. Land Art orixinouse nun grupo de artistas, especialmente  europeos e americanos, que buscaban a intervención no contorno natural deixando a súa pegada, a súa arte na natureza co propósito de lograr unha arte non comercial. Land Art Seira ten un sentido diferente, xa que as obras resultantes non pretenden dimensións que compitan coa natureza, senón que busca unha harmonía con esta, amosando respecto e baixo unha única pauta: empregar o que ofrece o medio para crear arte, pero sen perturbalo. O resultado: esculturas feitas con ramas, pedras, lama, bosta, flores, follas, tintes de froitos... “A idea é que as obras se integren, se vaian degradando no seu entorno, ao igual que fan as follas que caen das árbores”, explica o artista.

O artistica explica que o encontro supuxo unha homenaxe a aqueles traballos do campo, duros, moi duros, pero variados e satisfactorios, que se facían antigamente e que hoxe, só perduran nas lembranzas. Aquela forma de vida autosuficiente, renovable e que non creaba residuos. O encontro quixo recrear ese ambiente de traballo no exterior, no aire libre, que xeraba tanta saúde corporal e paz mental.

A iniciativa veu da man de Camilo Seira, Andreas Ruiz, Sandra Villaverde e estivo organizada  en colaboración coa organización Catro Gatos, con Inés Silvalde e Delio Sánchez ao fronte. O Concello de Rois colaborou cunha bolsa para gastos do evento e o financiamento do catálogo que se publicará coas imaxes das pezas, así como na coordinación destas visitas guiadas.

'Voa, voa!' de Talía Teatro

20200913 Talia 1Talía Teatro, compañía moi querida na nosa terra, puxo en escena o domingo 13 de setembro Voa, voa! Un espectáculo dirixido especialmente ao público infantil, pero con moitos guiños ás persoas adultas. Na representación puidemos coñecer a Xoana (María Ordóñez), que todas as tardes baixa ao parque despois de merendar. Alí coincide con Anxo (Toño Casais), un neno introvertido que prefire as pantallas pero que pouco a pouco vai entrando nos xogos que lle propón Xoana, todos aqueles xogos e cantos que lle ensinou súa avoa.

Con delicado guión e dirección de Artur Trillo, a montaxe propón divulgar e relembrar a arte de xogar coas palabras, os ditos, retrousos, xogos de man que se manteñen de xeración en xeración de forma oral.

Unha fermosa historia, con trasfondo social sutil, que emociona e que nos fixo saír co corazón tremendo do espectáculo.

Espectáculo a través da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

'Cantacontos' de Migallas Teatro

20200912 MigallasMaría dos Contos e o Señor Dorremí, fixéronnos gozar o pasado sábado dos contos tradicionais e dos de creación propia, arrequentados con cancións, música, sons… e algo de ruído. Que ben o pasamos, cantando e contando con estos dous grandes artistas!

Espectáculo de animación á lectura realizado a través do programa Ler conta moito da Xunta de Galicia, programa de dinamización da lectura que ofrece ás bibliotecas públicas da Rede a través do seu catálogo actividades de distintas categorías coas que achegar á cidadanía á lectura e á información dunha maneira lúdica e atraínte .