• 'Cultura en familia' presenta seis espectáculos en outubro no auditorio municipal dirixidos á infancia

  • Dúas comedias trepidantes e un espectáculo de pompas de xabón con moito humor conforman o programa 'Teatro en Rois'

20200917 teatro

 

O outono chega cargado de novidades e espectáculos teatrais para a veciñanza de Rois, que poderá gozar de ata seis funcións familiares en outubro e doutras tres funcións entre outubro e decembro.

Compañías e grupos de recoñecido prestixio en Galicia, como Mamá Cabra, Xoán Curiel ou Teatro Calavera, entre outras, actuarán no auditorio municipal de Rois, que contará con todas as medidas de seguridade ditaminadas polas autoridades sanitarias. Con aforo limitado e inscrición previa, os programas Cultura en familia e Teatro en Rois contan co apoio da Rede Cultural da Deputación da Coruña, Agadic, a Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e a Rede de Dinamización Lingüística.

'Cultura en familia'

O programa cultural familiar abrirá coa actuación de Mamá Cabra o sábado 26 de setembro ás 18.00 h. O grupo pioneiro especializado en música infantil galega ten unha traxectoria de dúas décadas nos escenarios e conta cun nutrido e fiel grupo de seguidores entre a cativada.

O venres 2 de outubro, tamén ás seis da tarde, Teatro Calavera presentará a obra Antón e Tomasa: a cabaza encantada, un contacontos dirixido a nenos e nenas de 4 a 8 anos que remata cun obradoiro de cociña. Ao día seguinte, o sábado día 3, Barfunda Teatro porá sobre as táboas O censor de monstros. Este é Cristovo, que grazas ao seu traballo tan especial compartirá co público os seus coñecementos sobre os seres fantásticos que habitan en Galicia.

Xoán Curiel e a Banda do Verán aterrarán no auditorio o venres día 9 para interpretar os temas do libro-CD A Casa do Terror. A actuación será tamén ás seis da tarde. Á mesma hora, o mércores 21 de outubro a compañía Xarope Lulú presentará Bichocas, un espectáculo dedicado á primeira infancia no que os obxectos e a palabra farán viaxar a través do mundo animal aos pequenos e pequenas de 0 a 3 anos.

Por último, o sábado 24 de outubro ás 12.00 horas Os Bolechas estarán tamén en Rois. Haker Mater, un programador informático, está a poñer a punto a Porta dos Camiños, unha máquina que lles axuda a elixir un dos moitos Camiños de Santiago ás persoas que queren peregrinar pero non saben por que vía facelo. Haker Maker precisará da axuda dos Bolechas e do público na súa misión.

'Teatro en Rois'

Running unha comedia vertixinosa e suorenta a cargo de De Ste Xeito Producións, abrirá o telón do Teatro en Rois o sábado 10 de outubro ás 20.00 h. Stephy Llaryora e Sergio Macías terán que suar a camiseta para meterse na pel de Xulia e Román e de todas as personaxes que pasarán polo escenario: fillas e fillos de parellas anteriores, nais divorciadas, avós na residencia, adolescentes co pavo, o pequeno coa crise dos 8, os grandes coa dos 40, os 50 e os 60, as clases de ioga, de patinaxe de danza-jazz, os deberes da escola e o resto de deberes... coidar de todo e de todos menos dun mesmo.

O público familiar terá unha nova cita cultural o venres 11 de decembro cun espectáculo de pompas de xabón a cargo de Malasombra Teatro. Na súa obra Os Fabulosos Cleaners, dous operarios da limpeza do teatro descobren por casualidade as posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón: pompas e burbullas transparentes, con fume, con vapor, pequenas, grandes, estáticas... O espectador camiñará da man destes personaxes por un mundo máxico cheo de cor e de humor.

A última das actuacións previstas é a de Teatro Badius, que o sábado 12 de decembro ás 20.00 h. representará A peregrinaxe, un espectáculo para todos os públicos. Trátase da historia dun humilde pastor que, por orde de Deus, debe partir cara á terra de Godah. Emprende entón unha longa peregrinaxe na que se enfronta a banqueiros e gladiadores, coñece a César e a Cleopatra e vive moitas outras aventuras ata rematar na última cea de Xesús.

Protocolo covid-19

A posta en marcha das actividades está supeditada ao protocolo e á evolución da crise sanitaria da covid-19, polo que os programas son susceptibles de cambios.

Ademais, a participación require inscrición previa e a reserva de prazas realizarase por rigorosa orde de inscrición. Para información e reservas, é preciso chamar ao o edificio multiúsos de Rois (981 81 60 61) neste horario: luns, mércores e venres de 10.00 a 13.00; luns de 17.30 a 20.00; e de martes a venres de 16.00 a 20.00 horas.