• Ramón Tojo agarda que as filmacións “sirvan para dar a coñecer os valores patrimoniais e naturais que atesoura Rois”

  • As gravacións combinan imaxes e testemuños para poñer en valor as paisaxes, a tradición oral e o rico patrimonio do municipio

20201027 videos Rutas CastroLupario alcaldeDous roteiros para coñecer mellor o patrimonio natural e humano de Rois, retratados. O Concello de Rois presentou dous vídeos que percorren  as rutas de sendeirismo das Penicias e do Castro Lupario, facendo parada nalgúns dos atractivos do municipio e recollendo os testemuños dos veciños e veciñas que os habitan. O alcalde, Ramón Tojo Lens, presentou as filmacións acompañado de Juan Martínez, director da produtora que realizou as filmacións, e dos veciños roisenses que participaron na gravación.

Arredor de 15 persoas asistiron á presentación onte á tarde no Auditorio Municipal de Rois, previa invitación e respectando as medidas de seguridade e distanciamento obrigadas pola crise da covid-19. O alcalde, Ramón Tojo, fixo referencia na súa intervención á importancia de dispoñer de espazos naturais coma os reflectidos nos vídeos, máis aínda nestes tempos nos que se reduciu por forza a oferta de actividades en espazos pechados. O rexedor agarda que estes vídeos "sirvan para dar a coñecer, non só entre a veciñanza, senón en toda Galicia, os valores patrimoniais e naturais que atesoura Rois".

As películas, de 8 minutos de duración cada unha e dispoñibles na canle de YouTube do Concello de Rois, seguen a andaina dos camiñantes combinando imaxes de dron e primeiros planos coas intervencións dos veciños. En total, máis de vinte persoas participaron na realización dos vídeos, producidos pola empresa compostelá Alicentis. O seu director, Juan Martínez, agradeceu a súa colaboración e destacou que “estes vídeos non só falan da sinalización ou dos percorridos en si, senón que tamén poñen en valor a memoria oral e o conxunto de bens naturais e históricos que ten este municipio da comarca do Sar”.

20201027 videos Rutas CastroLupario Penicias publicoNeste sentido, cabe destacar a participación no vídeo da Ruta das Penicias de Luísa Calvo, María Martelo e Carmen Lamas, veciñas da parroquia de Rois, encargadas de recordar as tradicións vinculadas a algúns dos lugares que percorre a gravación: a fonte de Sanamede ou das Penicias, o prado no que estaban a capela medieval e o camposanto de San Mamede ou o Muíño do Campanario. A voz en off do filme foi gravada por Laura Ríos, moza do municipio que tamén participou como camiñante xunto con Clara Pardal e Antía Vicente.

No que toca ao vídeo sobre o Castro Lupario, son Marcos Santos e Mariano Pineda, veciños de Angueira de Castro, os que destacan a grande importancia etnográfica da aldea, proposta para a súa clasificación como Ben de Interese Cultural en conxunto co Castro Lupario.

A música dos vídeos foi cedida por Vai de Trío, grupo tamén do municipio. Os acordes de ‘Todo é fume’, nas Penicias, e do ‘Pasodobre de Berlai’, na ruta do Castro Lupario, acompañan os pasos dos veciños e veciñas que participaron nas filmacións.

Ruta das Penicias

O Concello de Rois sinalizou e acondicionou a Ruta das Penicias en 2018. Coincidindo coas festas patronais do Santo Isidro, o 19 de maio dese ano unhas 170 persoas realizaron este percorrido circular de 8,5 km na súa variante completa e de dificultade baixa. A ruta comeza e remata na Igrexa de San Mamede de Rois e discorre polas aldeas de Rois, Infesta, A Casa do Porto e Buxán.

O sendeiro transcorre paralelo ao río Rois por unha zona moi escarpada e chea de penas; de aí o nome de sendeiro das Penicias. A tradición di que preto deste sendeiro naceu San Mamede, a quen se lle dedicou a antiga igrexa medieval que se atopaba cruzando o río. A actual igrexa barroca conta cunha estrutura única no concello, xa que a torre campanario se ergue formando un pórtico de entrada ao templo.

Tres mulleres de Rois falan no vídeo das historias da tradición oral que recibiron dos seus devanceiros. Luísa Calvo, María Martelo, e Carmen Lamas —de 89, 87 e 73 anos respectivamente—, destacan as propiedades da auga da fonte de San Mamede que nace no alto do Píndalo, á que se lle atribúen efectos milagreiros para as dores de barriga e de estómago.

Outro dos puntos de interese que se visitan na versión completa da ruta é A Casa do Porto, unha aldea situada nun alto e rodeada de prados que regala fermosas vistas panorámicas e na que, ademais, se atopa unha eira con cinco hórreos restaurados e un cruceiro. Existe tamén a posibilidade de realizar medio percorrido, de 4,2 quilómetros.

Ruta do Castro Lupario

Os Concellos de Rois e Brión, con axuda da Xunta, fixeron un forte investimento en 2018 para limpar o Castro Lupario e sinalizar esta ruta de sendeirismo, que ten un percorrido base de 3,6 km e diferentes variantes coas que se pode alongar ata os 4,5 km. O seu carácter circular permite comezala en diferentes puntos, aínda que no vídeo se aconsella iniciala no Xardín do Recordo do Pazo do Faramello, por ser un lugar no que é doado estacionar.

Os lugares de interese que percorre este itinerario son a Ponte Paradela, o Castro Lupario, a aldea e área recreativa de Angueira de Castro, o río Tinto e o Pazo do Faramello. Sinala Marcos Santos, veciño de Angueira, que “camiñar por aquí e dar un paseo pola historia de Galicia”. Danlle a razón un castro intimamente ligado coa lenda da Raíña Lupa e coa historia da Traslatio dos restos do Apóstolo Santiago a Galicia; unha aldea con casas de variadas tipoloxías e na que unha torre que foi catalogada como pazo controlaba o paso entre o sur e o norte de Galicia; o Pazo do Faramello, que albergou a primeira fábrica de papel de Galicia, de 1710; un río, o Tinto, que deu servizo á imprenta, a unha fábrica de curtidos e a varios muíños; e xa na actualidade, unha zona de reforestación de especies autóctonas e un xardín que recorda as vítimas do accidente do tren Alvia en Angrois en 2013.

Enlaces de interese:

Vídeo da Ruta das Penicias: https://youtu.be/Hv0kbRgl-ew

Vídeo da Ruta do Castro Lupario: https://youtu.be/k0GzbTfqI1s   

Track e información da Ruta das Penicias:

http://concelloderois.org/gl/areas/educacion-cultura-xuventude-e-deportes/ruta-das-penicias

Track e información Ruta do Castro Lupario:

http://concelloderois.org/gl/areas/educacion-cultura-xuventude-e-deportes/ruta-do-castro-lupario