• A cativada pode descargar a carta modelo para escribirlle a Papa Noel, ao Apalpador ou aos Reis Magos


  • Recibirá resposta ás súas cartas por correo electrónico e poderá falar cos Reis Magos por videochamada


  • O Concello anima á veciñanza a facer as rutas de sendeirismo de Castro Lupario e das Penicias á procura de bois de pedra

  • Desenvolveranse en liña o concerto da Escola de Música, o torneo de xadrez ou os obradoiros de Nadal

 

FOLLETO BANDO NADAL EN ROIS webO Concello de Rois desenvolverá este Nadal un amplo programa de actividades, ao que se unirán novidosas iniciativas encamiñadas a facer que, malia á pandemia e ás restricións impostas para combatela, a cativada poida vivir coa ilusión de sempre estas datas máxicas. Poderán falar por teléfono cos Reis Magos e tamén gozar de obradoiros virtuais, xadrez, música, a lectura ou andainas.

Ao non estar permitidas as reunións, este ano non poderán facerse os encontros con Papá Noel, o Apalpador e os Reis Magos. Pero iso non significa que non vaian visitar a toda a rapazada de Rois. De feito, comprometéronse a contestar todas as cartas que nenos e nenas descarguen no arquivo adxunto a esta mesma nova e que envíen cubertas cos seus desexos ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. Poden cubrila no ordenador ou, se o prefiren, tamén poden imprimila.

Outra cita ineludible é a dos Magos de Oriente. As Súas Maxestades chamarán nas vésperas de Reis a toda a cativada que concerte unha cita coas Súas Maxestades chamando ao 981 816 061.

As crianzas censadas en Rois e nadas entre os anos 2009 e 2020 recibirán así mesmo un agasallo na súa casa. Celadores e alcaldes de barrio actuarán como paxes e lles entregarán tamén a todas as familias a felicitación de Nadal, a revista Debullar con toda a información da actividade municipal ao longo do presente ano e o almanaque de Rois para o vindeiro 2021.

As vacacións inaugúranse coa entrega de premios dos concursos de tarxetas e de contos de Nadal a vindeira semana, cando remata o cole. Na tarde do día de Noiteboa, o espíritu navideño estenderase por todo o municipio co concerto de Nadal da Escola de Música de Rois, que poderá verse a través da canle de Youtube do Concello a partir das 19:00 horas.

Toda a veciñanza está convidada a facer deporte nestas datas. Por un lado, participando no torneo de xadrez en liña que terá lugar os días 28, 29 e 30 de decembro de 11:00 a 12:00 horas e que outorgará trofeos ás tres primeiras persoas clasificadas.

Por outro lado, saíndo á procura do boi de pedra esculpido por Camilo Seira e colocado en cadansúa das dúas rutas de sendeirismo roisenses: a do Castro Lupario e a das Penicias. Os camiñantes que atopen algún deles e suban a Facebook unha foto ao seu carón etiquetando ao Concello de Rois e usando os cancelos #buscaoboi e #nadalrois entrarán no sorteo dun dos bois que se efectuará o 4 de xaneiro. Pódese saír na busca dos animais a partir do 24 de decembro.

O tempo para os contacontos, os obradoiros de manualidades ou as cancións chegará cos talleres de Nadal en liña que terán lugar na canle de Youtube do Concello a partir das 12:00 horas e de luns a venres entre o 28 de decembro e o 5 de xaneiro.

Así mesmo, o Concello anima á mocidade a gozar da lectura compartindo na súa páxina web unha listaxe das publicacións recomendadas polas bibliotecas escolares e a municipal. Estes títulos, recorda, poden servir de inspiración no caso de ter que facer un agasallo de Nadal.

A programación para todos os públicos volve á canle de Youtube entre os días 28 e 30 de decembro, cando estará dispoñible na rede o espectáculo de pompas de xabón Os fabulosos cleaners que se representou no Auditorio o pasado 11 de decembro pero que axiña tivo que colgar o cartel de completo por causa das restricións de aforo.