20180131 PIE Terras Iria V web

Un cento de persoas en situación de desemprego empezaron a prepararse para incorporarse ao mercado laboral a través do Programa Integrado de Emprego ‘Terras de Iria V’, que facilitará a súa formación durante un ano nos sectores do metal, comercio, hostalaría, servizos e transporte. O obxectivo é que, polo menos, 35 persoas atopen un posto de traballo, aínda que tendo en conta o éxito de edicións anteriores deste mesmo programa agárdase que máis participantes poidan a topar un traballo.

O Director Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Xunta de Galicia, Alfonso Marnotes González, acompañado dos alcaldes da agrupación de concellos do Sar: Dodro, Padrón e Rois, presentou recentemente o Programa Integrado de Emprego de Galicia ‘Terras de Iria V’, que está financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con 250.000 euros.

En total, están a participar 100 persoas desempregadas, principalmente mulleres, parados de longa duración, menores de 30 e maiores de 45 anos. O obxectivo lograr que 35 participantes acaden un emprego a través de 29 accións formativas. A formación que se ofrece a través do Terras de Iria V está a centrarse no sector do metal, a hostalería e para traballar en supermercados. Tamén se ofrece ao alumnado a posibilidade de obter o carné de camión C e Cap e de sacar o certificado de profesionalidade de atención a dependentes en institucións sociais. En total, ofreceranse 2200 horas de formación.

Os alcaldes destacaron a importancia da formación como medio para acadar un emprego e que a formación para o emprego que ofrece o programa é resultado de diferentes conversas con diferentes empresas na comarca.

O Director Xeral de Orientación e Promoción Laboral sinalou a aposta da Administración autonómica por plans que combinen formación e prácticas dando resposta a un modelo de formación dual e flexible para acadar un emprego de calidade. De feito, o programa da edición anterior, que tamén compartiron os concellos de Dodro, Padrón e Rois, rematou cunha inserción laboral do 54% dos 85 alumnos e alumnas que participaron. Alfonso Marnotes destacaou a importancia do Programa Integrado de Emprego nas políticas de emprego da Xunta de Galicia ao tempo que resaltou que durante o pasado ano crearonse 32.300 empregos e xa se acadou unha taxa de paro igual á previa á crise. O desemprego queda no 12 %, ainda que o obxectivo é acadar a 10%.