• O goberno municipal solicita á veciñanza que informe antes do 30 de xaneiro dos núcleos que non teñen cobertura

 20200117 Telefono mobil

O Concello de Rois está analizando a posibilidade de  sumarse ao convenio marco que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) firmou coa Fegamp para mellorar a cobertura de móbiles no rural. Dende o equipo de goberno solicitan a colaboración da veciñanza para coñecer aqueles núcleos de poboación que non teñen cobertura con ningunha das tres operadoras principais (Movistar, Vodafone e Orange). O alcalde asinou un bando solicitando a colaboración cidadá indicando que ata o 30 de xaneiro “os veciños poden avisar no concello daquelas zonas nas que non hai sinal nos móbiles en ningún dos tres operadores principais”.

O obxectivo deste convenio marco entre Amtega e a Fegamp e facilitar a instalacións de torres de telefonía móbil naquelas zonas nas que non hai cobertura no exterior das vivendas. E dicir, non se pode facer unha chamada de teléfono con ningunha das tres operadoras principais por falta de cobertura. Para sumarse ao convenio, o Concello ten que poñer a disposición da Xunta as parcelas necesarias para instalar as torres e encargarse de realizar a acometida eléctrica necesaria. 

Para sumarse a este convenio, o Concello de Rois deberá identificar aqueles núcleos de poboación sen cobertura de móbil. Técnicos de Amtega confirmarán estes datos e seleccionarán as zonas obxectivo e, despois, dende a Xunta de Galicia poranse en marcha programas de axudas ás operadoras de telefonía móbil para instalar as torres necesarias para garantir unha boa cobertura.

O Concello deberá facilitar as parcelas para instalar as torres e –en caso de que non sexan terreos municipais– ter o compromiso de cedelos á Xunta durante un período de 15 anos. O Concello tamén deberá asumir os gastos para levar as acometidas eléctricas necesarias para que funcionen as torres de telefonía. Neste caso, o Concello poderá optar a unha axuda de ata 30.000 euros por acometida que porá en marcha a Xunta de Galicia.

Nestes momentos, e para elaborar o mapa de núcleos sen cobertura, o Concello solicita a colaboración da veciñanza para que informe dos núcleos de poboación sen cobertura e podelas incluír no expediente que se quere elaborar para remitir a Fegamp coa intención de sumarse a este convenio.