20200428 Taller memoria 3Non deixarnos levar polo medo. Esta é a recomendación principal de Ana Chouza, profesora do taller de estimulación cognitiva do Concello de Rois, na presentación deste terceiro bloque de actividades que está a ofrecer online desde que comezou o estado de alarma pola emerxencia sanitaria. E para conservar a calma e a positividade, nada mellor que manter a nosa mente activa con estes exercicios nos que practicar cos números, as emocións e as palabras.

 

NON DEBEMOS DEIXARNOS LEVAR POLO MEDO

Non debemos deixarnos levar polo medo ante o coronavirus, pero que podemos facer?

Pois pensar que se non estamos contaxiados debemos ter uns hábitos de hixiene, como lavar ben as mans e de xeito regular, ou non tocarse a boca, nariz ou ollos coas mans sen lavar ou sen desinfectar. No aspecto psicolóxico temos que tratar de apoiarnos na familia e nos mais achegados, non falar constantemente do coronavirus, e sobre todo manter a calma e mente positiva. Debemos estar ocupados e conectados coas persoas que queremos. Temos que tratar de ter uns hábitos diarios e tentar facer vida normal, aínda que dentro destas novas limitacións.

Se estamos contaxiados, temos que ser realistas, porque a gran maioría acaba curando (de feito cada día vemos mais persoas curadas incluso de avanzada idade), polo que non temos que alarmarnos innecesariamente. Non debemos poñernos no peor, temos que tratar con eses pensamentos intrusivos distorsionados que tanto dano nos fan e que nos minan psicoloxicamente.

Como sempre digo, temos que pensar positivo e buscar sempre a cara boa, aínda que agora mesmo non nolo pareza de seguro que algo bo sacamos disto. Pero vos preguntaredes como se poden xestionar eses pensamentos intrusivos. Aínda que é normal que aparezan, temos que preguntarnos se son válidos ou non, buscando outros que sexan menos catastróficos. Temos que pensar noutras situación similares que de seguro xa temos vivido e ver todas esas veces que xa as temos superado, buscar esas aprendizaxes e tratar de aplicalas agora.

Pero tampouco debemos esquecer que hai que ser realistas, non debemos sacar importancia ao risco que existe, nin tampouco magnificar ese risco real; debemos confiar na sanidade e seguir as súas recomendacións (eles son os expertos e saben o que facer).

Debemos evitar o exceso de información, e sobre todo debe de provir de fontes oficiais. Non debemos estar informándonos a todas horas, senón que con dúas veces ao día chega. Pois a sobreinformación aumenta a nosas emocións negativas. E aínda que o medo a preocupación son emocións normais e debemos telas, o que non temos é que compadecernos nelas. Tamén temos que deixar descansar a nosa mente.

 

Nesta ocasión recomendaremos:

Para as tablets e móbiles podemos botarlle un ollo a esta páxina onde podemos atopar un sin fin de xogos de estimulación para descargar:
https://www.hijosdigitales.es/es/2015/05/los-mejores-juegos-para-que-los-mayores-disfruten-de-las-tablets/

Para descargar en pdf nas tablets deixo este enlace no que aparecen exercicios variados que podedes facer con lapis e papel, e tamén para pensar un pouco:
https://www.csi.cat/media/upload/pdf/estimulacion-cognitiva-csi_editora_94_3_1.pdf

 

PAUTAS PARA FACER AS FICHAS

  • Non é necesario imprimir as fichas, se podemos facelo mellor, pero senón non temos que preocuparnos. Só necesitamos papel e lapis.
  • En primeiro lugar buscar un lugar tranquilo, no que nos poidamos concentrar.
  • Descargar a ficha, a ser posible nunha tablet que imos ver mellor. Ler varias veces cada exercicio ata que o comprendamos. Pensando que non son nada novo, a maioría van ser similares aos que levamos feito ata o de agora.
  • Despois do enunciado do exercicio, entre parénteses ( ) e cun tipo de letra diferenciado, teremos en galego una explicación, nos que se considere necesario.
  • Se aínda así non o entendemos pasamos ao seguinte exercicio.
  • Ao acabar os exercicios, volvemos aos que deixamos sen facer e tentamos facelos de novo, pois agora estamos máis centrados e igual podemos facelos.
  • Se non conseguimos facelos ou temos dúbidas, podedes chamarme ou falarme.
  • Non temos que facer os exercicios no mesmo día, segundo nos organicemos.
  • Tamén darei enlaces a páxinas web que nos poden resultar interesantes, ou aplicacións que podemos descargar para as tablets ou móbiles e así seguir traballando o resto do tempo.

PODEMOS ESTAR LONXE E NON VERNOS, PERO ESTADES NOS MEUS PENSAMENTOS.