20200519 Ficha6 Memoria"Exercitar a mente mediante a lectura favorece a concentración". Con esta recomendación, Ana Chouza presenta a sexta ficha do taller de memoria que está a dirixir en liña desde que comezou o confinamento pola COVID-19. Os xogos con números e letras, ou mesmo a pintura dunha mandala, son algunhas das actividades propostas esta semana pola profesora do taller de estimulación cognitiva do Concello de Rois.

 

A LECTURA

Ler un bo libro ou revista, porque ler é unha actividade que exercita a nosa mente, favorece a concentración e a empatía, e axuda a previr a dexeneración cognitiva.

Exercitar a mente mediante a lectura favorece a concentración. Aínda que nos parece que a lectura é algo que sae por si só, isto non é así. Debemos concentrarnos, pois en estado natural o noso cerebro está alerta ante os diferentes estímulos, pero cando lemos temos que esquecer eses estímulos.

Mentres lemos un texto o hemisferio esquerdo do noso cerebro está traballando a alta velocidade para poder activar diferentes áreas. Os nosos ollos percorren o texto tratando de recoñecer cada letra, e a área do cerebro especializada en detectar palabras escritas, actívase, transmitindo a información cara outras rexións cerebrais. O neurólogo Stanilas Dehaene, catedrático de Psicoloxía Cognitiva Experimental, dinos que “a capacidade lectora modifica o cerebro”. O tamén neurocientífico Alexandre Castro-Caldas demostrou que hai mais materia gris e máis neuronas nun cerebro dunha persoa que le que no dunha que non le.

Cando lemos con intensidade, amodiño, vivindo esa lectura... a nosa imaxinación bota a voar. O poder da nosa mente é tan forte que recrea o imaxinado, facendo que se activen as mesmas áreas cerebrais que se en realidade estivésemos levando a cabo esa acción.

Por outro lado, dicir que a lectura axuda a mellorar as habilidades sociais, como a empatía. Os lectores poden identificarse mellor coas personaxes desas historias.

Para finalizar, dicir que ler toma importancia ao final das nosas vidas. Algúns dos expertos en alzheimer e enfermidades dexenerativas recomendan a lectura como método preventivo. A lectura axuda a nosa estimulación cognitiva.

Á parte da lectura para estimular o noso cerebro, tamén recomendar que non nos debemos esquecer dos xogos de mesa, como os distintos xogos de cartas, o xadrez, o dominó, as damas, o parchís, a oca... Xogos que ademais podemos facer de forma individual ou acompañados, polos netos por exemplo.

Tamén podemos botar unha ollada a unha páxina web na que podemos imprimir e facer mandalas de diferentes tipos: https://www.mandalasparacolorear.club/para-imprimir

 

PAUTAS PARA FACER AS FICHAS

  • Non é necesario imprimir as fichas, se podemos facelo mellor, pero senón non temos que preocuparnos. Só necesitamos papel e lapis.
  • En primeiro lugar buscar un lugar tranquilo, no que nos poidamos concentrar.
  • Descargar a ficha, a ser posible nunha tablet que imos ver mellor. Ler varias veces cada exercicio ata que o comprendamos. Pensando que non son nada novo, a maioría van ser similares aos que levamos feito ata o de agora.
  • Despois do enunciado do exercicio, entre parénteses ( ) e cun tipo de letra diferenciado, teremos en galego una explicación, nos que se considere necesario.
  • Se aínda así non o entendemos pasamos ao seguinte exercicio.
  • Ao acabar os exercicios, volvemos aos que deixamos sen facer e tentamos facelos de novo, pois agora estamos máis centrados e igual podemos facelos.
  • Se non conseguimos facelos ou temos dúbidas, podedes chamarme ou falarme.
  • Non temos que facer os exercicios no mesmo día, segundo nos organicemos.
  • Tamén darei enlaces a páxinas web que nos poden resultar interesantes, ou aplicacións que podemos descargar para as tablets ou móbiles e así seguir traballando o resto do tempo.

NON SE PODE VENCER A UNHA PERSOA QUE NUNCA SE RENDE!!!