20200602 Ficha8 MemoriaUnha semana máis, a profesora do taller de estimulación cognitiva do Concello de Rois Ana Chouza presenta un bloque de actividades para manter a nosa mente activa. Chouza introduce a súa ficha cunha serie de recomendacións para afrontar a "nova normalidade". Escoitarnos e manter a calma son dúas das pautas a seguir para adaptarnos ao novo día a día.

 

NECESITAMOS CALMA E ADAPTACIÓN

A semana pasada explicabamos en que consistía a Síndrome da Cabana, e dabamos unhas pequenas pautas para superala. Estamos empezando unha nova etapa, a saída progresiva desta corentena, que vai supor un cambio nos hábitos que tivemos durante o período de illamento, e que ao principio nos fai sentir confusos. Estes novos tempos non só indican a fin da crise da COVID19, senón tamén o inicio dun período de afrontamento dunha nova situación debido á que imos ir incorporando tarefas e rutinas habituais na nosa vida pero que agora van ter novas normas. Normas que nos van dando a coñecer semana tras semana e que debemos ir adaptando ás nosas vidas.

Para moitas persoas foi un momento de perdas, pero aquí na nosa contorna sobre todo, será un período de moitos cambios nos que teremos que adaptarnos a esta incerteza que nos leva acompañando durante todo este de tempo de confinamento. Podemos ter sentimentos contrarios, por un lado o querer refacer a nosa vida tal e como a viviamos antes, e por outro o temor ao contaxio da enfermidade; pero o que nos debe tranquilizar é o ver a outras persoas, saír e recuperar unha certa normalidade, o que nos está mostrando que pouco a pouco se van reorganizando os servizos.

Pero debemos ser conscientes de que o día a día non vai ser exactamente igual ao de hai uns meses, polo que debemos afrontar a nova realidade con calma, tomando o tempo necesario para adaptarse; porque cada un o afronta en función das súas capacidades, crenzas ou pensamentos. Temos que escoitar o noso corpo e a nosa mente, sentimentos, emocións e facelos nosos para poder adaptarnos do mellor xeito posible.

Debemos empezar a relacionarnos con outras persoas e reorganizar as novas rutinas progresivamente, porque ás veces queremos volver de novo a todas as actividades que xa realizabamos, pero debemos adaptarnos pouco a pouco á nova situación, non debemos forzar o corpo nin a mente. Pensando sempre que estas relacións deberán transformarse e adaptarse en función da contorna e das novas normas de relación que nos van indicando as autoridades competentes.

Temos que xestionar o tempo adecuadamente, pensando moi ben as actividades que queremos realizar de xeito voluntario, posto que a familia, os amigos e os grupos de talleres nos que antes participabamos demandarán a nosa atención; pero temos que reservar tempo para nós mesmos e poder adaptarnos cada un ao noso ritmo. Non podemos pretender saír de golpe a esta nova realidade, debemos seguir tendo tempo para escoitarnos, compartir medos e inseguridades e poder xestionalos adecuadamente.

Hoxe recomendamos:

Na páxina web da Sociedad Española de Geriatría y Gerontología tedes unha serie de documentos e novas que pode ser útil botar unha ollada: https://www.segg.es/

O Grupo de Psicología da Sociedad Española de Geriatría y Gerontología elaborou documento-guía para que as persoas maiores afronten esta nova etapa dun xeito máis positivo, poden atopalo neste enlace: https://www.segg.es/media/descargas/CUANDO-LA-CUARENTENA-TERMINE-SEGG.pdf

 

PAUTAS PARA FACER AS FICHAS

  • Non é necesario imprimir as fichas, se podemos facelo mellor, pero senón non temos que preocuparnos. Só necesitamos papel e lapis.
  • En primeiro lugar buscar un lugar tranquilo, no que nos poidamos concentrar.
  • Descargar a ficha, a ser posible nunha tablet que imos ver mellor. Ler varias veces cada exercicio ata que o comprendamos. Pensando que non son nada novo, a maioría van ser similares aos que levamos feito ata o de agora.
  • Despois do enunciado do exercicio, entre parénteses ( ) e cun tipo de letra diferenciado, teremos en galego una explicación, nos que se considere necesario.
  • Se aínda así non o entendemos pasamos ao seguinte exercicio.
  • Ao acabar os exercicios, volvemos aos que deixamos sen facer e tentamos facelos de novo, pois agora estamos máis centrados e igual podemos facelos.
  • Se non conseguimos facelos ou temos dúbidas, podedes chamarme ou falarme.
  • Non temos que facer os exercicios no mesmo día, segundo nos organicemos.
  • Tamén darei enlaces a páxinas web que nos poden resultar interesantes, ou aplicacións que podemos descargar para as tablets ou móbiles e así seguir traballando o resto do tempo.

NON CHEGA ANTES QUEN VAI MAIS RÁPIDO, SENÓN QUEN SABE A ONDE VAI !!!