• As axudas inclúense no Plan PEL Reactiva 2020 da Deputación da Coruña

  • As persoas interesadas deberán presentar a solicitude ata o 25 de novembro na sede electrónica do concello

  • Poden destinar a axuda a financiar gastos correntes: compra de material, arrendamentos e canons, reparación e conservación, primas de seguros e subministracións

 

 

20201105 ROIS Pel Reactiva

O Concello de Rois destina 60.489,88 euros a axudas para persoas autónomas e microempresas radicadas no municipio. Estas subvencións inclúense dentro do Plan PEL Reactiva 2020, cofinanciado pola Deputación da Coruña. O principal obxectivo deste programa é impulsar a actividade económica e o emprego no municipio de Rois e contribuír a paliar, na medida do posible, os danos derivados da pandemia da covid-19 nas pequenas empresas e persoas autónomas, financiando gastos correntes, para contibuír á súa recuperación e viabilidade no novo contexto socioeconómico.

As bases da convocatoria publicáronse o 9 de novembro no boletín Oficial da Provincia (poden consultarse premendo aquí). As persoas interesadas deberán presentar as solicitudes por vía telemática a través da Sede Electrónica do concello de Rois (preme aquí) utilizando o modelo normalizado de solicitude dispoñible na mesma, e deberán achegar a documentación establecida. O prazo para presentar solicitudes finaliza o vindeiro 25 de novembro ás 14.00 horas.

O período subvencionable establécese entre o 1 de marzo e o 31 de decembro de 2020. As persoas beneficiarias das axudas deberán presentar a documentación xustificativa antes do 31 de marzo de 2021.

Requisitos básicos

Os requisitos básicos para acceder ao programa PEL Reactiva 2020 da Deputación da Coruña son os seguintes:

  • Ter o domicilio fiscal no Concello de Rois.
  • Non atoparse incurso en ningunha das circunstancias recollidas nos artigos 13.2 e 13.3 da Lei 38/20003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións.
  • Estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias coa AEAT, TXSS, Concello de Rois, Comunidade Autónoma de Galicia e coa Deputación Provincial da Coruña.
  • Cumprir coas obrigas establecidas na base 14 das reguladoras destas subvencións.
  • No caso de persoas autónomas: estar dado de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou en calquera outro por conta propia da Seguridade Social, ou como mutualista de colexio profesional, con anterioridade ao 14 de marzo.
  • No caso de micropymes: a data de constitución da empresa (data de primeira inscrición no rexistro público correspondente) debe ser anterior ao 14 de marzo.

Quen pode solicitar este programa de axudas

Poderán solicitar esta subvención as persoas traballadoras autónomas con ou sen traballadores/as ao seu cargo e microempresas, calquera que sexa a súa forma xurídica, que se atopen nalgún dos seguintes supostos:

  • Grupo I:Que se visen afectados polo peche en virtude do disposto no RD 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 e a súa modificación aprobada no RD 465/2020, do 17 de marzo.
  • Grupo II:Que non se visen afectados polo peche, pero cuxa facturación no segundo trimestre fiscal de 2020 se vira reducida, polo menos nun 75% en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do estado de alarma. Cando a persoa física ou xurídica non leve de alta o seis meses naturais esixidos para acreditar a redución dos ingresos, a valoración levarase a cabo tendo en conta o período de actividade.
  • Grupo III:Que se viran na obriga de acollerse a un ERTE (Expediente de Regulación Temporal de Emprego), nos termos establecidos no RD 465/2020, do 17 de marzo.

Para os efectos destas subvencións terán a categoría de microempresa aquelas empresas que ocupan a menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou balance xeral anual non excedan de 2 millóns de euros.

Gastos subvencionables

Con cargo a esta líñas de axudas, as persoas autónomas e empresas poderán obter financiación para facer fronte aos gastos correntes seguintes (o IVE non é subvencionable):

  • Compra de material antiséptico ou desinfectante, produtos hixiénicos e de limpeza
  • Arrendamentos e canons
  • Reparación e conservación (adaptación de locais ás medidas deprotección fronte á covid-19
  • Primas de seguros (responsabilidade civil, accidentes)
  • Subministracións (auga, gas, combustibles, electricidades)

Para máis información, as persoas interesadas poderán contactar coa axente de emprego do concello chamando ao telefono 981804109