• O alcalde de Rois e os tenentes de alcalde de Padrón e Dodro acudiron hoxe ao acto oficial de inauguración

  • Durante un ano, as dez rapazas formarase na creación de páxinas web e continuarán o traballo iniciado o ano pasado

  • Ramón Tojo: “Tedes a oportunidade de formarvos e loitar polo voso futuro. Aproveitádea, ides deixar pegada”

Rois OE XuventudeAccion2020 web

 As dez mozas seleccionadas para participar no obradoiro de emprego Xuventude en Acción 2020 encargaranse durante os vindeiros meses de ampliar a páxina web Coñece Terras de Iria (pódese ver neste enlace), comezada a deseñar polos participantes do curso de formación que rematou o pasado mes de marzo. O alcalde de Rois e os tenentes alcaldes de Padrón e Dodro inauguraron hoxe oficialmente a presente edición nun acto no que Ramón Tojo animou ás participantes a “esforzarse para aproveitar esta oportunidade de formarvos e loitar polo voso futuro”. “As novas tecnoloxías son o presente, aproveitade este curso, no que de seguro ides deixar pegada”, animounas.

O obradoiro de emprego Xuventude en Acción 2020, subvencionado pola Consellería de Emprego e Igualdade e polo Fondo Social Europeo cun total de 230.932,70 euros, permitiralle a estas dez mozas menores de 30 anos (4 de Rois, 4 de Padrón e 2 de Dodro) aprender durante un ano deseño de páxinas web mediante un contrato de prácticas e formación polo que percibirán o salario mínimo interprofesional.

Na presentación, a directora deste obradoiro Xuventude en Acción 2020, Eva Diéguez, recordou o traballo desenvolvido na edición do pasado ano, que rematou no mes de marzo con quince días de antelación debido á pandemia da covid-19.

Os mozos e mozas que participaron na edición anterior desenvolveron a páxina web Coñece Terras de Iria, na que se recollen datos da historia, cultura e patrimonio dos tres concellos que forman Terras de Iria: Rois, Padrón e Dodro.

No caso de Rois, na web ofrécenos a posibilidade de escoitar cancións do libro Foliada en Rois. Terriña... A nosa’, con cancións dende os anos corenta de diferentes formacións musicais. Tamén recolle unha recompilación das fotografías da exposición Aloitadoras, que se inaugurou o Día Internacional da Muller, ou documentación sobre a ruta das Penicias.

No caso de Padrón pódense descargar, en formato PDF, todos os libros da festa de Pascua, dende 1926 ata 2010.

Portal de emprego

Durante o pasado curso tamén se creou o Portal de Emprego Terras de Iria (ver neste enlace), no que aparece un directorio coas principais empresas da comarca; recursos relacionados coa empresa e técnicas para mellorar a búsqueda de emprego.

Nestas dúas páxinas web seguirán traballando as dez mozas que participan no Obradoiro de emprego Xuventude en Acción 2020. A intención é que unha vez rematados os dous portais, queden aloxados definitivamente na páxina web Terras de Iria ou nun hosting específico. Ata entón, poderase consultar o traballo do alumnado nestes enlaces:

Unha vez rematen o obradoiro, as dez mozas recibirán un certificado de profesionalidade de nivel 2, que lles axudará a incorporarse ao mercado laboral. Eva Diéguez lembrou que, dos dez participantes no obradoiro de emprego Xuventude en Acción 2019, tres deles están xa traballando.

Ademais de Ramón Tojo e da directora, asistiron ao acto de inaguración do obradoiro de emprego Xuventude en Acción 2020 Ángel Rodríguez Conde, tenente alcalde de Padrón; Ramón Abuín Gómez, tenente alcalde de Dodro, e María Jesús Frieiro, profesora de informática do obradoiro.