• O Concello difunde nas redes sociais a gravación na que participan 16 persoas que viven e traballan no municipio

  • Distribuirá máscaras e bolsas co mesmo lema, e o día 25 iluminará a casa consistorial

  • Súmase tamén a campaña da Deputación ‘De fronte á violencia de xénero’

 

 

 

O Concello de Rois plántalle cara e mira de fronte é violencia de xénero para erradicar esta lacra da nosa sociedade. Son de Rois e non calo foi o lema elixido este ano para visibilizar este rexeitamento e conmemorar o Día Internacional de Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Unha iniciativa que se divulga nun vídeo a través de redes sociais, xunto coa distribución de máscaras, bolsas e a iluminación da casa consistorial.

Ademais de sumarse a iniciativa da Deputación da Coruña De fronte á violencia de xénero, o Concello promoveu unha campaña propia co lema Son de Rois e non calo, na que se distribuirán bolsas e máscaras conmemorativas coa imaxe da campaña municipal e se iluminará a casa consistorial durante a noite do 25 de novembro. Esta campaña compleméntase coa edición e difusión nas redes sociais municipais dun vídeo no que  16 veciñas e veciños participantes coinciden en que fronte é violencia de xénero hai que ter tolerancia cero.

Neste vídeo, a concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Basante, anima a toda a veciñanza a construír un municipio solidario, responsable e xusto na defensa activa dos dereitos fundamentais. "E a nosa obriga non permanecer impasibles diante da violencia de xénero", lle recorda o alcalde a todos os veciños e veciñas de Rois.

As catro concelleiras da Corporación municipal, representantes das tres asociacións de mulleres do municipio, dos dous centros educativos, un médico, un empresario, persoas con discapacidade, traballadoras municipais e mozos vinculados ao mundo do deporte sae no vídeo realizado pola empresa Alicentis. Todas e todos reclaman que "ningunha muller sexa insultada, desprezada ou ferida", que todas sexan donas do seu tempo, do seu corpo e que poidan tomar as súas propias decisións. Piden que as mulleres vítimas de violencia de xénero poidan deixar atrás o medo, recuperen a confianza en sí mesmas e volvan ser independentes e autónomas. Expresando un sentir maioritario da veciñanza, o alcalde conclúe este vídeo cunha frase contundente: "Son de Rois e non calo. Para que todas as mulleres se sintan persoas libres".