O xantar popular do Santo Isidro, as festas patronais de Rois, reuniu hoxe no polideportivo municipal a medio milleiro de persoas que aplaudiron con ganas aos galardoados este ano: a centenaria María Sóñora Fontenla, homenaxe ‘Toda unha vida’; e o empresario Juan Manuel López Míguez, homenaxe ‘San Isidro Labrador’. O alcalde de Rois, Ramón Tojo, agradeceu a asistencia aos presentes, entre os que se atopaban Ángeles Vázquez, conselleira do Medio Rural; e os alcaldes de Padrón, Dodro e Boqueixón. As mozas triatletas Inés e Carla Castaño animaron no seu pregón á veciñanza a “practicar deporte, calquera que sexa a idade”, e mostráronse “orgullosas de levar o nome de Rois polo mundo adiante”.

Brais Cima, de Ponteareas, proclamouse esta mañá gañador do XII Premio Ciclista do S. Isidro, na categoría junior, que organiza o Club Ciclista Padronés coa colaboración do Concello de Rois. Cima dominou toda a proba, que se disputou dando catorce voltas ao circuíto habilitado entre Antequeira, A Pontenova, Oín e Samil. Na categoría junio participaron 35 corredores. A continuación tomaron a saída os 49 corredores que participaban na categoría máster, e que deberon dar 15 voltas ao circuito.

Adjuntos:
Descargar este archivo (acond_interiores_casas_novas_macedos_barreiro_abast_cim_seira.pdf)Apertura de sobre

Os participantes do Programa Integrado de Emprego Terras de Iria IV, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, realizaron 30 horas formativas no curso de Manexo de Carreta Elevadora, onde se efectuaron prácticas de condución en baleiro e con carga, prácticas con diferentes velocidades de desprazamento, tipos de dirección, radio de xiro, freados, e tamén se realizou un circuíto con obstáculos para practicar as diferentes manobras. Os participantes da acción tiveron a oportunidade de realizar a práctica con carretas eléctricas e a gasóleo.

Centos de personas déronse cita onte pola tarde no polideportivo municipal de Rois para participar no Serán da Lingua, unha iniciativa do Concello para promover a música tradicional galega. A esta cita anual, que se trasladou ao polideportivo por mor da choiva, acudiron onte os integrantes do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima de Rois, a Escola Municipal de Baile de Brión e a Asociación Cultural Rosalía de Castro de Padrón. Tampouco faltaron á cita os grupos locais das Repeniqueiras de Urdilde, as Pandeireteiras de Ermedelo e as Cantareiras da Asociación de Amas de Casa de Rois. Todos os músicos participantes levaron como recordo da súa participación un pequeno agasallo que foi confeccionado nos talleres de Amipa, a asociación de persoas con discapacidade da comarca do Sar. Durante tres horas, os diferentes grupos, compostos por varias decenas de músicos de todas as idades, interpretaron diferentes pezas, animando a moitos dos asistentes a bailar. Ao rematar a xornada, todos os asistentes puideron degustar un excelente chocolate con churros. O Serán da Lingua forma parte da programación que o Concello de Rois ten organizado neste mes de maio dentro da iniciativa Rois no Caiño das Letras Galegas.

Finalizou o curso de Manufacturas do Coiro onde trece participantes do Programa Integrado de Emprego Terras de Iria IV, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, recibiron 150 horas de formación na produción de manufacturas do coiro mediante procedementos industriais e artesanais. Dende os concellos de Dodro, Padrón e Rois séguese a traballar cos oitenta e cinco participantes do Programa Integrado de Emprego, para recualificar profesionalmente, incrementar a mellora da súa ocupabilidade laboral e incrementar as súas habilidades profesionais.