Escolares de Rois que participaron no concurso de debuxos sobre o Día da Muller recolleron esta mañá os seus premios nun acto celebrado no local da Asocaición de Mulleres Rurais de Urdilde. Cada nena e neno levou como recordo unha libreta co debuxo gañador da súa categoría, xogos didácticos para aula (no caso dos premios colectivos), libros sobre temática de xénero (nos premios individuais) e un diploma. Ao resto de participantes entregóuselles un bolígrafo, un diploma e tamén un detalle para os nenos da escola infantil Galiña Azul. Na entrega de premios participaron o alcalde, Ramón Tojo, os concelleiros Manuel dos Santos e Victoria Quiroga, e presidenta das Mulleres Rurais de Rois, Lourdes Gómez. Os gañadores, por categorías, foron: Aula de 4º de E. Infantil do CPI Os Dices e Adrián Castro Reboiras (menores de 3 anos); Aula de 5º de E. Infantil dos Dices (4 anos); Aula 6 Infantil CEIP O Pumar de Urdilde e aula de 6º Infatil de Os Dices (5 anos); Ainhoa Domínguez Castaño e Iria Jiménez Labarta (1º e 2º Primaria); Breixo Rey Lorenzo e Mariña Castro Reboiras (3º e 4º Primaria); Carmen Romarís Vidal e Lucía Suárez Velles e Alba Manni de los Santos (5º e 6º Primaria); Lorena Picadizo Villar (1º e 2º ESO); e escola infantil Galiña Azul e Celtia e Brais Insua Carregal (categoría xeral).

O Concello de Rois súmase ao Día de Rosalía, a efeméride que recorda o nacemento da poeta o 24 de febreiro de 1837. Todos os veciños e veciñas que se achegaron hoxe venres pola Casa Consistorial foron agasallados cunha cunca de barro e co folleto 'Caldo de gloria', que recolle a iniciativa da Fundación Rosalía de Castro inspirada no poema Miña casiña, meu lar, no que a escritora homenaxeada dá a receita dun caldo humilde e amosa como se pode ser feliz con moi pouco. Unha exposición e actividades na biblioteca, onde tamén se entregaron tazas pola tarde, completan a celebración da xornada. A obra de Rosalía de Castro (Santiago de Compostela, 1837- Padrón, 1885) vai ligada indisolublemente ao val do río Sar. Por isto, o Concello de Rois considera de máxima relevancia a promoción da súa figura con eventos coma o Día de Rosalía, que se vén celebrando xa desde hai semanas na localidade co programa de actividades que desenvolve a biblioteca. Unha exposición no multiusos con obras da autora e obradoiros de contacontos con actividades sobre literatura, música e artes plásticas foron os principais atractivos desta programación, centrada na infancia. Os nenos e nenas crearon un gran debuxo co rostro de Rosalía que ilustra a mostra. En canto ao agasallo que o Concello fai a todos os veciños que se acheguen polas súas instalacións, trátase dun folleto co célebre poema Miña casiña, meu lar, no que Rosalía describiu a receita para facer un caldo humilde e saboroso, que ben se pode tomar para estrear a cunca de barro que complementa o regalo.

Bicos apaixonados, bicos de amizade, bicos de amor fraternal, bicos entre compañeiros, bicos que sanan e bicos que alegran. Grazas a todas e a todos os que participastes na nosa particular adaptación da 'kisscam' americana: a bíCAMe do Sábado de Piñata de Rois 2018.