20200209 Mushing podioOs montes da Peruca acolleron o pasado domingo, 9 de febreiro, a celebración do IV Mushing Concello de Rois, unha cita organizada pola Asociación de Cans Deportistas (ACADE) e puntuable para a Liga Galega de Mushing da Federación Galega de Deportes de Inverno. A chuvia acompañou aos deportistas e aos seus cans durante toda a xornada, dificultando a realización do percorrido de catro quilómetros e medio para os adultos e 1.700 metros para as categorías infantís. O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e o concelleiro de Educación, Xuventude e Deportes, Martín del Río, presidiron a entrega de trofeos ao finalizar a proba.

Na modalidade de canicross, que con máis de vinte corredores foi a máis disputada, resultou vencedor Óscar Piñeiro Pérez. Este deportista do club Kennel DEN fixo un tempo de 11 minutos e 29 segundos, o que lle serviu para revalidar o título obtido o ano pasado nos montes de Seira. O segundo en alcanzar a meta foi Fernando Pérez Fernández, do SenBal Team; mentres que o terceiro posto da categoría foi para Mónica Touriño Ferreirós, tamén do Kennel DEN. O podio da categoría infantil de canicross estivo encabezado por Alba Buján Miguéns, seguida de Estela Corbacho Zamisova e María González Méndez.

Outra das modalidades disputadas no Mushing de Rois foi a de bike-joring, en bicicleta. Roberto Salvado Tejedor, de ACADE, cun tempo de 9 minutos e 33 segundos, obtivo o primeiro posto. Tras el chegaron á meta Luis Pérez Suárez, tamén de ACADE, e Alberto Villanueva Comesaña, do Club Canicross Vigo.

Por último, na modalidade de patín, que se disputa en patíns unidos por correas, gañaron Fernando Pérez Fernández e Mónica Touriño Ferreirós, en adultos; e Sabela Redondo Laíña, en infantil.

Enlaces de interese:

  • Celébranse o luns 24 de febreiro en Rois e o martes en Urdilde
  • O Concello tamén promove unha excursión ao Urban Planet Jump en Santiago para nenos e nenas de primaria e secundaria

 

20200130 Cartel Manhas Entroideiras

O Concello de Rois organiza un ano máis as Mañás Entroideiras para facilitar a conciliación familiar e laboral durante as vacacións. A cativada a partir de 4º de educación infantil poderá gozar de actividades que inclúen xogos, música, deportes e manualidades, e que se farán o luns 24 de febreiro no polideportivo de Rois e o martes 25 no de Urdilde, dende as 9.30 ata as 14.00 horas. O Concello ofrece tamén o servizo Amencer, que recibirá aos nenos e nenas dende as 7:30 horas e terá un custo de 5 euros. Tamén por ese prezo, quen o precise poderá utilizar o servizo de desprazamento.

Para poder acudir ás Mañás Entroideiras os interesados deberán entregar a ficha de inscrición no Concello de Rois, no edificio multiúsos ou na oficina municipal de Urdilde, a partir do luns 3 e ata o luns 17 de febreiro. A folla de inscrición pode descargarse no documento anexo a esta nova.

Saltos en camas elásticas

Por outra banda, o Concello de Rois organiza unha excursión o mércores 26 de febreiro ao Urban Planet Jump en Santiago de Compostela. Esta actividade vai dirixida a nenos e nenas de educación primaria e secundaria e ten un custe de 10 euros. O prazo de inscrición para a excursión vai tamén do luns 3 ao luns 17 de febreiro.

A consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, vén de facer pública a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados Celga.

A convocatoria ofrece un total de 35 cursos, dos cales 11 se impartirán na modalidade presencial e os 24 restantes na de teleformación. Todos eles son gratuítos e teñen unha duración de 70 horas lectivas. Estes cursos poden ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen mellorar o seu coñecemento e dominio do galego e preparar as probas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca periodicamente para certificar a competencia nesta lingua.

Os cursos presenciais desenvolveranse de luns a xoves, en horario de tarde, entre o 16 de marzo e o 8 de maio de 2020. Na provincia da Coruña realizaranse seis cursos deste tipo: dous en Santiago de Compostela (Celga 3 e Celga 4), tres na cidade da Coruña (Celga 2, 3 e 4) e un en Ferrol (Celga 4). Nesta provincia tamén se ofrecen 9 cursos na modalidade de teleformación: tres a nivel Galicia do Celga 1 e, a nivel A Coruña, 1 curso do Celga 2, dous do Celga 3 e 3 cursos do Celga 4.

O prazo de presentación de solicitudes ábrese hoxe, 30 de xaneiro, e permanecerá aberto ata o 19 de febreiro. Para máis información sobre a programación dos cursos e a tramitación dos mesmos pode consultarse a resolución desta convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia número 19 de 29 de xaneiro de 2020, neste enlace.

20200130 Premio GetBrit Nadal

Pablo Iglesias Castro, alumno das clases municipais de inglés, resultou gañador do 2º premio a nivel galego do concurso de tarxetas de Nadal promovido por Get Brit, entidade responsable da impartición das clases.

O concurso tivo como obxectivo potenciar a creatividade dos máis pequenos e pequenas desenvolvendo así todos os coñecementos adquiridos na aula. A actividade estivo destinada a todo o alumnado da localidade menores de 12 anos, matriculados ou non no curso.

A entrega de premios realizouse o mércores 29 de xaneiro de mans da concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, xunto a José Antonio Vázquez, responsable da formación. Pablo estivo acompañado da súa nai Cecilia para recibir o cheque regalo por valor de 100€ para canxear en comercios da contorna.

  • Celébrase o sábado 22 de febreiro co desfile entroideiro a partir das 17.00 h e o posterior concurso, merenda e fin de festa co Dúo Calú no polideportivo
  • O Concello incrementa os premios aos gañadores en douscentos euros
  • Inclúe como novidade a modalidade de comparsa/grupo infantil
  • É obrigatoria a inscrición antes do venres 21 de febreiro

 

20200129 Cartel Entroido2020O Concello de Rois celebrará o sábado 22 de febreiro o tradicional concurso de disfraces de Entroido, un certame no que se repartirán máis de 1.850 euros en premios e que este ano inclúe como novidade a categoría de comparsa/grupo infantil. O día do concurso, o desfile entroideiro partirá da casa consistorial ás 17.00 h para dirixirse ao polideportivo dos Dices, onde terá lugar a valoración do xurado, a merenda, a entrega de premios e un animado fin de festa co Dúo Calú. Para participar e calquera das modalidades é preciso inscribirse antes do venres 21 de febreiro.

O concurso de disfraces, organizado polo Concello de Rois en colaboración coas asociacións veciñais e coas agrupacións de Protección Civil de Rois e Padrón, repartirá este ano un total de 1.850 euros en premios, o que supón un aumento de 200 euros con respecto ao ano anterior.

As modalidades para participar no concurso son cinco: infantil individual ata 12 anos (con 30€ para o primeiro clasificado, 25€ para o segundo e 20 para terceiro, cuarto e quinto, se ben nesta modalidade o importe do premio poderá corresponderse cun agasallo); individual de 12 anos ou máis (con tres premios de 40€, 35€ e 30€); parella ou trío (que levarán 60€, 40€ ou 30€ segundo a posición); comparsa/grupo de 4 a 12 membros, que pode ser de adultos (cun primeiro premio de 300€ e un segundo de 150€) ou infantil (con 200€ para o primeiro premio e 100€ para o segundo); e, por último, comparsa/grupo de 13 ou máis membros (que obterán 400€ de clasificarse en primeiro lugar, 200€ se quedan segundos e 150€ se finalizan terceiros).

Ademais de ampliar a modalidade de parella podendo presentarse en formato trío e de engadir a categoría grupal infantil, outra das novidades desta edición 2020 é que será obrigatoria a inscrición previa do conxunto de participantes. Así, tanto disfraces individuais como grupos terán que anotarse antes das 14.00 horas do venres 21 de febreiro nas oficinas do Concello de Rois.

O propio día da celebración, os participantes deberán recoller o seu dorsal diante do Concello ás 16.30 horas. Media hora máis tarde comezará o desfile entroideiro ata o polideportivo e alí os participantes realizarán unha actuación de menos de 10 minutos para seren avaliados. O xurado estará composto por un mínimo de 5 e un máximo de 7 persoas. Aquelas persoas que participen da festa no polideportivo dos Dices poderán gozar dunha merenda a base de produtos típicos destas datas e da animación musical co Dúo Calú (do Dúo Ciclón ven de comunicarlle ao Concello que, por un compromiso previo, non pode actuar o día 22 en Rois).

As follas de inscrición para todas as categorías e o compromiso responsable que deberán asinar todos os participantes pódense descargar no enlace que figura nesta nova para entregalas nas oficinas municipais antes do 21 de febreiro. Tamén estás dispoñibles nos documentos anexos as bases do certame para a súa consulta.

Desfiles dos centros educativos

Como aperitivo, o venres 21 de febreiro terán lugar os desfiles entroideiros dos centros educativos. O alumnado do CPI Plurilingüe dos Dices percorrerá a distancia que separa o centro educativo da casa consistorial a partir das 10.30 h. Ás 12.00 do mediodía serán os rapaces e rapazas do CEIP Plurilingüe do Pumar Urdilde quen desfilen desde o centro escolar ata a estrada xeral facendo unha parada no Centro de Día.