20180827 Cartel Vive Camiño RoisA actividade de dinamización Vive o Camiño, impulsada pola Xunta de Galicia, fará parada en Rois o próximo mércores, 12 de setembro, cunha dobre cita no campo da festa. Anxo Moure e MJ Pérez actuarán ás 20.00 e as 21.00 horas, respectivamente, dentro deste programa que pretede encher de música e contidos culturais o Camiño de Santiago.

A tarde lúdica e musical abrirase cunha actuación para público familiar: Contos e historias das árbores do Camiño Portugués é o espectáculo no que Anxo Moure narra a peripecia dunha bota esquecida por un peregrino á sombra dun carballo. A natureza, os camiñantes e Compostela guían a proposta, que busca concienciar ao público sobre a importancia da conservación da natureza.

A música poráa MJ Pérez, unha das cantautoras con máis personalidade da música galega actual. Leva tres anos percorrendo os escenarios do país sen parar, acumulando experiencias que plasmou nos tres discos cos que conta. Rock, pop e mensaxe mestúranse nos seus temas, intempretados cunha inconfundible voz.

O ciclo Vive o Camiño percorrerá varias localidades dos camiños Portugués e Portugués da Costa nas próximas semanas. No caso de Rois, as actuacións trasladaranse ao Auditorio Municipal en caso de facer mal tempo.