11

A obra ‘Animaliños’ inaugura o xoves 27 ás 20.00 horas a segunda edición do TeatRois, unha mostra de teatro escolar afeccionado que ten programadas oito obras nos vindeiros dez días. Aínda que a entrada é de balde, para poder presenciar o espectáculo, débense retirar os pases dende o 26 de xuño no edificio multiúsos de Rois de 9.30 a 13.30 horas e cun máximo de dúas invitacións por persoa.

O grupo Vai no dentista do IES Xelmírez I de Santiago será quen inaugure o certame o xoves ás 20.00 horas con ‘Animaliños’. Este conxunto leva máis de 20 anos en activo e fai dous resultou gañador do premio Buero de teatro xuvenil.

O sábado e o luns será o turno dun dos da casa. O Teatro Porviso do CPI dos Dices interpretará o primeiro dos días ás 20.00 ‘Azucre’ e o luns agasallará aos presentes á mesma hora con ‘O achado do castro’.

Ao día seguinte será a quenda dun grupo chegado dende Portugal. O teatro Entra em cena da Escola Secundária de Alfena, nas proximidades de Porto, recorrerá máis de 200 quilómetros para representar, ás 20.00 horas, ‘A mala’.

O mércores 3 voltará a ser o tempo dos locais. Nesta ocasión, o Teatro Vacalouras do Concello de Rois interpetará dúas obras dende ás 18.00 horas. Comezarán a exhibición artísica con ‘Os tres porquiños’, nunha adaptación do conto infantil tradicional, e continuarán a actuación con ‘Unha casa nada deshabitada’.

Nos dous últimos días do TeatRois, as pezas terán menor compoñente infantil, pois a primeira delas, ‘A cantante calva’ (venres 5, 20.00 horas), interpretada por Farándula Velutina da Asociación as nove musas de Corcubión, non está recomendada para menores de dez anos. O Teatro Vacalouras voltará ao escenario para poñer o peche desta II mostra de teatro escolar afeccionado, o sábado 6 ás 20.00 horas, coa peza ‘Volpone’, non recomendada para menores de once anos.