• Non se celebrará ningunha das actividades habituais das festas patronais: homenaxe, xantar popular, feira, andaina, premio ciclista e trial

  • Tamén se cancela ‘Rois no Camiño das Letras Galegas’

  • O Certame artístico e literario de relato breve e poesía queda aprazado para vindeiras datas

20200424 Rois suspende Fest Santo Isidro web

 

O Concello de Rois decidiu suspender as Festas do Santo Isidro e todas as actividades relacionadas con este evento, ademais de toda a programación cultural relacionada co programa ‘Rois no Camiño das Letras Galegas’.  O Certame artístico e literario de relato breve e poesía queda aprazado para unha data que se anunciará no momento oportuno na páxina web municipal.

O Concello toma esta medida para cumprir do decreto de estado de alarma de 14 de marzo para previr a propagación do coronavirus e seguindo as recomendacións e decisións das autoridades sanitarias para mitigar os efectos da COVID-19.

O decreto asinado esta semana polo alcalde, Ramón Tojo Lens, informa de que o Concello de Rois suspende todo o programa das festas do Santo Isidro Labrador, patrón do municipio. Con esta medida, este ano non se vai celebrar o concurso de carteis, nin o xantar popular e as homenaxes que en cada edición se lle tributan a veciños e veciñas do municipio. Tamén quedan suspendidas as actividades musicais e culturais, feira de artesanía e exposición de animais de razas autóctonas vinculados a esta festa. O Trial, a andaina e o premio ciclista do Santo Isidro ‘Trofeo Suso Blanco Villar’ tamén foron cancelados para este ano.

A ampla oferta cultural que anualmente o Concello mantiña no mes de maio baixo o nome ‘Rois no Camiño das Letras Galegas’ tamén foi suspendida polo mesmo motivo.

En canto ao Certame artístico e literario de relato breve e poesía, queda aprazado ata que se normalice a situación provocada pola pandemia da COVID-19. O Concello de Rois informará na súa páxina web e redes sociais as datas de celebración deste certame cando a situación o permita.