• O alcalde, Ramón Tojo, asinou hoxe o convenio de colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, representada polo seu presidente Anxo Angueira

  • Este concello xa apoiara a creación da Casa Museo en 1971 cunha achega de 500 pesetas

  • Tanto os escolares do municipio como as asociacións culturais poderán ter visitas guiadas de balde á Casa de Rosalía.

  • En tempos de Covid, as e os veciños de Rois poderán visitar o museo de xeito gratuíto

  • Anxo Angueira: “Esta nova crise supuxo un duro revés. Grazas a estes apoios estamos resistindo e afrontamos o futuro coa maior das ilusións"


 20201023 convenio fundacion Rosalia 01

 

O alcalde de Rois, Ramón Tojo,  asinou esta mañá o convenio de colaboración coa Fundación Rosalía de Castro, que o converte no quinto concello Mecenas da Casa de Rosalía dentro do proceso de subscrición popular para implicar a empresas, entidades públicas e persoas individuais na mellora e no sostemento da causa común da Casa da Matanza, “que é a causa común de Galicia”, en palabras do seu presidente Anxo Angueira.

En virtude deste convenio anual polo que o Concello de Rois achega 1.000 euros, tanto os escolares do municipio como as asociacións culturais poderán ter visitas guiadas de balde á Casa de Rosalía. Sen embargo, dado que estas visitas non están permitidas por mor das restriccións da covid-19, mentres os veciños e veciñas de Rois poderán visitar gratis o museo acreditando documentalmente a súa procedencia. 

20201023 convenio fundacion Rosalia 04Ramón Tojo calificou esta firma como "moi importante para axudar ao mantemento da Fundación Rosalía de Castro e por en valor o rico legado cultural que temos na comarca do Sar". Con esta decisión Rois refrenda así o seu compromiso histórico con esta institución, dado que xa apoiara economicamente en marzo de 1971 cunha doazón de 500 pesetas para a posta en marcha da Casa-Museo, sendo alcalde Peregrino Castro.

O alcalde firmou no libro de honra da Fundación e conversou uns minutos co seu presidente.

Centos de persoas de todo o país –e máis alá– xa se converteron en Amigas da Casa de Rosalía ao apoiar desde 20 euros ao ano a independencia económica e cultural desta institución, así como a súa sostibilidade financeira. A subscrición popular está a ser un grande éxito e moitos pequenos negocios tamén son xa Protectores (desde 60€/ano), así como varias grandes empresas da comarca, que xunto cos concellos poden exercer de Mecenas da Casa a partir de 1.000 euros ao ano.

“En 2019 acadamos unha taxa de autofinanciamento próxima ó 50%, que é unha cifra considerable”, afirmou Anxo Angueira. “Porén esta nova crise supuxo un duro revés. Grazas a estes apoios estamos resistindo e afrontamos o futuro coa maior das ilusións. Seguiremos intentando facer o mellor servizo posíbel á causa da difusión nacional e internacional do legado de Rosalía e da súa familia”. 

 Segunda subscrición popular

A Casa de Rosalía está sostida pola Fundación Rosalía de Castro, unha fundación privada sen ánimo de lucro que foi creada en 1947 por persoas vencelladas ao galeguismo nos tempos difíciles da ditadura. A apertura da Casa-Museo en 1972 só foi posible grazas á colaboración económica de familias e empresas e institucións de todo o país e do mundo da emigración. 

Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.

Case 50 anos despois esta institución –que non recibe financiamento público regular que asegure o seu mantemento anual nin o seu futuro– quere reafirmarse na súa independencia económica e cultural e no apoio das xentes comprometidas co país e coa súa cultura.

Autofinanciamento do 45%

A Casa-Museo tivo unha taxa de autofinanciamento do 45% (2019, que evoluciona desde un 20% en 2012), cifra considerable na nosa contorna cultural, “mais entendemos que cómpre aínda percorrer camiño na procura dun mellor servizo a prol da difusión do legado de Rosalía e da súa familia”, afirma Anxo Angueira, presidente da Fundación. A evolución das visitas á Casa tamén foi positiva ata a chegada da Covid: incrementáronse desde 2012 ata 2018 nun 237% (de 8.655 a 20.571). 

A Fundación Rosalía quere continuar neste vieiro para “asegurar o seu presente e, sobre todo, o seu futuro, para seguir avanzando na mellora da Casa-Museo, da súa xestión e dos seus servizos”, continúase desde a Fundación, que afirma que é xa un dos museos galegos máis visitados “e debe estar na vangarda cultural e ser un referente a nivel nacional e tamén internacional”. 

Anxo Angueira, referencia actual da institución rosaliana, salienta que “aínda que somos escoitados polas institucións públicas de Galicia, queremos que o esforzo colaborativo sexa tamén un esforzo comunal e compartido polo pobo galego, que sempre foi xeneroso con todo o que tiña que ver con Rosalía para que a Casa da Matanza e as súas instalacións sexan dignas da figura que representan”.

A Casa de Rosalía incrementou exponencialmente os proxectos e actividades desde 2012. Alén da desexada reforma do interior da Casa e da súa renovada musealización, catalogouse e dixitalizouse todo o fondo documental e acondicionouse unha sala para o arquivo, que xa está a disposición dos investigadores; dinamizouse a súa presenza na web e nas redes sociais; incrementouse o seu patrimonio coa chegada de novos obxectos, artísticos ou non, como o cadro de Brocos e diferentes pezas de Ovidio Murguía; publicouse a súa Obra completa, entre outros libros; relanzouse a celebración do Día de Rosalía e puxéronse en marcha ducias de actividades ao longo do ano: a homenaxe ao mundo do mar, o festival Abride a Fiestra, alén de múltiples exposicións, conferencias, roteiros, teatralizacións e visitas guiadas. 

20201023 convenio fundacion Rosalia 03