O Sendeiro dos Ríos de Rois é unha ruta de dificultade baixa que conta cunha lonxitude aproximada de 12.000 metros e que percorre os ríos Sar, Seira e Valeirón ou Liñares.

A ruta comeza no lugar da Meana e continúa a carón do río Sar ata onde xunta as súas augas co río Seira/Liñares, un lugar máxico onde podemos gozar da tranquilidade envolvente dunha fermosa paisaxe de ribeira, onde conviven especies como londras, garzas ou os espectaculares picapeixes, que por desgraza son cada vez máis escasos nos ríos galegos.

Tras o paso pola praia fluvial de Seira, internámonos nas aldeas da Peruca, Cornes, O Aido e Carrais. Ao longo deste traxecto podemos apreciar varios elementos que reflicten o extenso e rico patrimonio cultural de Rois, como a capela do Aido ou o cruceiro de Crespo, un exemplo dos peculiares cruceiros de capela que se poden visitar neste concello.

Finalmente, cómpre afrontar un lixeiro ascenso cara á capela do Soutullo pola beira do río Liñares, que ofrece innumerables recunchos cheos de encanto. As súas limpas e frescas augas propician a cría de fantásticas troitas e as enérxicas inmersións do merlo acuático. Ao longo do camiño, deixaremos atrás numerosos muíños, como os Batáns de Herbogo, frondosos bosques e prados nas aldeas de Pinelas e Liñares, ata chegar á capela do Soutullo, situada no cumio dunha bela carballeira.