HORARIO DE ATENCIÓN AO PÚBLICO
Oficina Municipal de Rois: De luns a venres de 9:00 a 14:00h.
Oficina Municipal de Urdilde: Martes e xoves de  9:00 a 11:00h.

QUE SOMOS?
Os Servizos Sociais comunitarios son aqueles que realizan unha acción social globalizadora e polivalente, dirixidos ao conxunto da poboación do Concello de Rois e que teñen por obxecto promover e posibilitar o desenvolvemento do benestar social de toda a veciñanza. Os servizos sociais comunitarios son un sistema público integrado de protección social, a través do que se facilita información sobre os recursos e prestacións sociais existentes.

PROGRAMAS
Os programas básicos de actuación que se desenvolven na atención primaria son:

  • Programa de orientación, asesoramento e información
    É a porta de entrada aos servizos sociais municipais e onde primeiro chegan as demandas persoais e familiares que serán valoradas e orientadas de maneira personalizada tentando buscar a mellor alternativa.
  • Programa de axuda no fogar (SAF)
    É un servizo comunitario que está dirixido a toda a poboación. Ten como prioridade aqueles/as veciños e veciñas que presenten disfuncións ou discapacidades que lles limiten a súa autonomía persoal e a súa capacidade de relación social, e que teñan dificultades para procurar o seu benestar físico, social e psicolóxico. Dende o servizo préstaselles unha serie de atencións ou coidados de carácter persoal, psicosocial e educativo, doméstico e técnico; e proporciónaselle a posibilidade de continuar no seu entorno natural, mentres isto sexa posible e conveniente.
  • Programa de educación familiar
    O programa de educación familiar é un servizo municipal de axuda ás familias que teñen unhas circunstancias especiais que as fan máis vulnerables. Ten como obxectivo principal a orientación e asesoramento das familias para atopar unha solución as súas necesidades, así como establecer pautas básicas de organización familiar, fomentando hábitos de comunicación entre pais, nais e fillos/as, que lles permita adquirir pautas de conduta que melloren a súa calidade de vida e relacións familiares, poñendo especial atención na mellora da atención prestada os menores que formen parte do núcleo familiar.
  • Programa de Voluntariado
    O voluntariado social é toda aquela acción que, de forma altruísta, levan a cabo diferentes persoas en beneficio da comunidade.
    Durante todo o ano participan voluntarios en diferentes programas do concello.
    De maneira específica, o concello de Rois desenvolve durante os meses de verán un programa de voluntariado con menores que pertencen a familias vulnerables co apoio da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.
  • Programa de Inserción Social
    Ten por obxecto a prevención das situacións de marxinación, as súas causas e a integración e participación no medio social das persoas ou grupos máis desfavorecidos, afectados polas diferentes formas de exclusión e marxinación social.
  • Programa de Muller
    - Plan de igualdade municipal.
    - Convivencias educativas para mulleres.
    - Cursos de formación e ocio.
  • Programa de Terceira Idade
    O programa de actividades para persoas maiores establécese coa intención de promover a calidade de vida das persoas maiores no Concello de Rois, fomentando as actividades sociais, culturais e recreativas para este sector de poboación, coa finalidade de promocionar un espazo de ocio e tempo libre, adaptado as necesidades e demandas das persoas maiores, que os leve a gozar do seu tempo libre: Excursión da terceira idade, talleres de memoria, ximnasia para maiores e programa de benestar en balneario.
  • Programa para persoas con discapacidade
    Os servizos sociais comunitarios dan resposta máis próxima a xestións varias vencelladas aos temas de discapacidade, como son a tramitación da valoración do grao de discapacidade, as tarxetas acreditativas de discapacidade, tarxetas de aparcamento, etc…
    Por outro lado, os servizos sociais do Concello colaboran e apoian á Asociación de Nais e Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual da Comarca do Sar, AMIPA. Esta asociación é a responsable do Centro Ocupacional de Persoas con Discapacidade Intelectual da Comarca do Sar.
  • Programa de Drogodependencias
    O programa de drogodependencias é un programa mancomunado con outros concellos da contorna como son os de Padrón e Dodro entre outros. A principal liña de intervención é a prevención do consumo de drogas a través de obradoiros nos centros educativos.