20200309 Maria Soñora webA veciña de Rois María Sóñora Fontenla cumpriu este sábado, 7 de marzo, 102 anos, converténdose así na persoa de maior idade do municipio. Esta veciña de Silvarredonda, na parroquia de Buxán, celebrou o seu aniversario con "boa saúde, bo humor, moita ilusión e ganas de vivir", como salientaron os seus familiares.

O alcalde de Rois, Ramón Tojo, visitou a Sóñora no día do seu 102 aniversario para facerlle entrega dun ramo de flores. Non é a primeira vez que a "avoa de Rois" recibe un recoñecemento oficial, dado que en 2018 foi a homenaxeada nas festas patronais do Santo Isidro e recibiu o premio a "Toda unha vida".

María Sóñora Fontenla naceu o 7 de marzo de 1918 na aldea de Cornes e cando casou con Jesús Neo, aos 22 anos, foi vivir a Silvarredonda. Alí axudou ao seu home na transformación da explotación agrícola. Como moitas mulleres, Sóñora tivo que ocuparse da casa, da crianza e educación dos fillos, do coidado dos maiores e dos traballos do campo. A súa vida é un reflexo da época que lle tocou vivir e, malia que só foi dous anos a escola, a súa inquietude levouna a superar esta carencia e a querer saber. Aínda hoxe dedícalle horas á lectura para estar ao día da actualidade.

María Sóñora tivo dúas fillas e un fillo e hoxe en día goza da compaña dos seus netos e bisnetas. Precisamente unha neta de Sóñora, María Jesús Castro Neo, foi unha das protagonistas da exposición 'Aloitadoras' inaugurada este domingo con motivo do 8 de marzo, por ser a primeira muller concelleira da etapa democrática en Rois.