• Foron fabricadas por unha empresa local e faránselle chegar á veciñanza a partir do luns

  • O goberno local agradece o apoio das empresas que están a colaborar nas tarefas de limpeza e doando material de protección

 

20200425 Rois pantalla protectora web 

O Concello de Rois acaba de adquirir 5.000 máscaras de protección a unha empresa local para entregarlle unha a cada veciño ou veciña a partir do luns. Persoal municipal estivo onte preparando os lotes para repartir polas diferentes aldeas do municipio e facilitarlle a toda a veciñanza unha nova medida de protección fronte ao coronavirus.

Estas máscaras de protección facial están fabricadas cun material chamado apet de 250 micras (como o utilizado en embalaxes alimentarios) que permiten una óptima visión ocular. O Concello agradece a disposición e axilidade da empresa Camilo Vilas para atender esta petición e entregar o material en pouco tempo.

Unha vez preparados os lotes, dende o luns efectivos e Protección Civil, alcaldes de barrio e os celadores das diferentes aldeas do municipio comezarán o reparto para que cada veciño e veciña maior de 13 anos teña a súa disposición unha máscara de protección. Aos menores de 14 anos o Concello vailles entregar nos vindeiros días máscaras que está a confeccionar a empresa local Más que Mamás.

Comercial Agroesparís e Seira Agroferal colaboran na desinfección

 20200425 Agroesparis Agroferal desinfeccion 2

Dende o Concello de Rois queren tamén agradecer a implicación de Comercial Agroesparís e Seira Agroferal nas tarefas de desinfección que se están a facer no municipio.

Antonio Fariña e Óscar Carou ofreceron a súa maquinaria e man de obra para realizar a desinfección cunha solución de hipoclorito (facilitada polo concello) nos núcleos da zona de Urdilde e de Rois. 

A maquinaria e persoal destas dúas empresas están desinfectando nas principais vías, centros de saúde, farmacias, entidades bancarias, edificios públicos, marquesiñas de autobuses e contedores do lixo tanto en Rois como en Urdilde.

Doazón de mil batas para persoal sanitario

20200425 AnaMuñiz

A empresa Ana Muñiz de Dodro é unha das participantes na iniciativa para doar 1.000 batas aos tres concellos da comarca do Sar destinadas ao persoal sanitario e asistencial da comarca.

Nesta iniciativa conxunta de fabricación de batas participan a Asociación de Industriales Metalúrgicos de Galicia (Asime), a Universidade de Vigo, e as empresas Ana Muñiz, de Dodro; Coasa (Ourense), Transportes Dalot (Mos) e PinFactory (Vigo).

Os alcaldes de Rois, Padrón e Dodro recolleron o pasado xoves este material na sede da empresa Ana Muñiz. As batas están fabricadas cun material bicapa para cumprir cos requisitos para ser usadas por persoal sanitario.

Alimentos, material escolar e mascaras

20200415 Rodriguez Rodriguez

Dende o Concello de Rois agradéceselle a todas as empresas do municipio e da comarca, a colaboración que están a facer para mitigar os efectos da pandemia da COVID-19 doando alimentos, material escolar, produtos de hixiene ou confeccionando material de protección, como mascaras.

O Estanco de Urdilde, AgroEsparís estiveron recollendo produtos de alimentación e material escolar doados pola veciñanza de Rois. Rodríguez & Rodríguez fixo unha doazón de material de protección para o concello, e Más que Mamás está a confeccionar mascaras de protección co material facilitado polo concello.

Unha colaboración cidadá e empresarial que dende o goberno municipal se agradece a todas as persoas e empresas, porque serve para mitigar as consecuencias desta pandemia que estamos a vivir.