20200512 Ficha5 MemoriaA afectación que a pandemia do coronavirus está a ter na forma de relacionarnos centra a presentación de Ana Chouza, profesora do taller de estimulación cognitiva do Concello de Rois, na presentación deste quinto bloque de actividades. Co gallo das festas patronais do Santo Isidro Labrador, Chouza reflexiona sobre a importancia do contacto social para sentirnos activos e activas e dá as claves para adaptarse á nova situación.

 

OS NOSOS MAIORES, VIDA SOCIAL E SANTO ISIDRO

Esta semana é Santo Isidro, festividade local, festa moi esperada por todos os veciños e veciñas do concello, sobre todo para os maiores (festa moi importante e arraigada para eles), que xa tivo que ser suspendida pola crise do coronavirus. Como tamén fai temer por moitas verbenas e festas gastronómicas tan importantes en Galicia.

Eses momentos de xuntanza cos paisanos do concello para ter unhas charlas e botar unhas risas, para simplemente pasar un día diferente no que estás coa xente que habitualmente só ves nestas datas ou de tanto en tanto, para saír pasear a Rois cos netos pois ese día non teñen escola, e unha morea de posibilidades máis, son moi necesarios para o desenvolvemento persoal e que nos enche de momentos bos. Ademais tamén están suspendidas as excursión e viaxes, que fan a ledicia de moitas persoas maiores, e non tan maiores. E o que é mais importante, neste confinamento a terceira idade ten máis restrinxidas as súas saídas. Todas as persoas necesitamos interactuar tanto co medio como tamén con outras persoas.

Cando pensamos en envellecer de forma saudable, en envellecer ben física e psiquicamente, pensamos no benestar con nós mesmos e coa nosa vida actual. Pensamos nun tempo activo e fértil que nos proporciona satisfacción e reforzo para manter unha calidade de vida. Esas condutas realizadas, que son as máis estables e perdurables, á vez que se establecen máis clara e con máis forza, son as redes sociais das persoas. Aquelas actividades ou afeccións que se veñen realizando antes son as que dan maior autonomía, posto que existe un dominio, unha competencia, na que os anos producen menos estragos. Estas actividades ademais crearon lazos sociais e/ou afectivos (relacións cos demais).

Con todo isto, nestes tempos de coronavirus, as persoas cunha vida social moi activa son as que máis se resenten. Pois eses labores diarios, actividades grupais relacionadas coas súas afeccións, esas viaxes que facían con certa regularidade..., en definitiva toda esa actividade social queda desaparecida por completo e de súpeto, e sen previo aviso. Entón toca adaptarse, controlar as emocións e os sentimentos que van aflorando e tratar de expresalos e canalizalos, cada un tratando de normalizar esta situación da mellor maneira posible. Por iso das pautas que fomos dando, e como diciamos nos primeiros días, era moi importante manter ese contacto social, ben a través das redes sociais, ben por teléfono. Porque o social é o que en definitiva nos fai estar activos.

Pero este confinamento está chegando ao seu fin, cada semana temos mais liberdade de movementos e estas relacións cos demais volven estar presentes. Pero teremos que facelo segundo nos aconsellen os expertos, mantendo as distancias e as medidas de seguridade. Para que mais preto que lonxe todo volva ó seu camiño. Saídas si, pero con sentidiño que queremos volver á vernos e estar tod@s xuntos no noso taller.

 

PAUTAS PARA FACER AS FICHAS

  • Non é necesario imprimir as fichas, se podemos facelo mellor, pero senón non temos que preocuparnos. Só necesitamos papel e lapis.
  • En primeiro lugar buscar un lugar tranquilo, no que nos poidamos concentrar.
  • Descargar a ficha, a ser posible nunha tablet que imos ver mellor. Ler varias veces cada exercicio ata que o comprendamos. Pensando que non son nada novo, a maioría van ser similares aos que levamos feito ata o de agora.
  • Despois do enunciado do exercicio, entre parénteses ( ) e cun tipo de letra diferenciado, teremos en galego una explicación, nos que se considere necesario.
  • Se aínda así non o entendemos pasamos ao seguinte exercicio.
  • Ao acabar os exercicios, volvemos aos que deixamos sen facer e tentamos facelos de novo, pois agora estamos máis centrados e igual podemos facelos.
  • Se non conseguimos facelos ou temos dúbidas, podedes chamarme ou falarme.
  • Non temos que facer os exercicios no mesmo día, segundo nos organicemos.
  • Tamén darei enlaces a páxinas web que nos poden resultar interesantes, ou aplicacións que podemos descargar para as tablets ou móbiles e así seguir traballando o resto do tempo.

ÁNIMO!!! XA SE VE LUZ AO FINAL DO TÚNEL, 😉.