20200602 Ficha9 MemoriaChega xuño e con el a despedida de fin de taller.

Este ano vai ser diferente pois non podemos despedirnos fisicamente en persoa, nin darnos apertas nin biquiños. Pero si podemos virtualmente, e dende o meu corazón aí van, para todas e todos sen excepción porque sodes incribles. Aprendín moito con vos, das vosas historias, das vosas sabedorías (aínda que sempre me digades que non sabedes moito, que non é certo) para min sodes persoas moi sabias, pero sobre todo síntome moi orgullosa de ter camiñado con vos estes cursos. Dende o primeiro ata o derradeiro día, porque pouco a pouco fomos medrando; aínda que o final non foi doado. Eu sei que para vos foi un gran esforzo ter que facer as fichas a través da rede, non solo porque para moitos é algo descoñecido e complicado senón tamén polos medios que tiñamos que usar (tablets, rede...) que non sempre é posible. Tampouco é doado facelas sen dar unha explicación oral, nin aclarar dúbidas, sen dar pistas, sen poder botar unha ollada a compañeira ou compañeiro do lado (jaja)... Tamén nos faltaron estes últimos meses as risas e charlas (ás veces máis serias outras non tanto), porque non todo vai ser facer fichas, pois o falar tamén é terapéutico; sobre todo cando se fai con persoas que saben moito, que sempre ten un consello, unha boa palabra, unha visión distinta da vida que nos fai reflexionar...

Tamén dar as grazas ó concello (sempre dispostos a escoitarnos) por darnos a opción de imprimilas e mandalas por correo ordinario para que así chegaran a todas e todos, e resultara mais cómodo.

Tamén agradecer as vosas palabras (tanto nas mensaxes por wasap como por teléfono), facedes o meu traballo moi doado e pracenteiro.

Dicir que os que non mandastes foto das fichas feitas, podedes gardalas, mesmo nos sobres en que vos chegan, e para setembro botámoslle unha ollada (sempre que así o queirades por suposto). Porque si, para setembro esperamos volver xa coa nova normalidade e as novas medidas que traerá, porque a saúde é o mais importante, é sobre todo a vosa.

Remato cunha das frases que tanto me gusta compartir con vos, neste caso un proverbio escocés que vin por aí estes días:

O SORRISO CUSTA MENOS QUE A ELECTRICIDADE E DÁ MAIS LUZ, 😊