Existen probas en prácticamente todas as parroquias da existencia de poboadores na etapa Megalítica, entre o cuarto e o segundo milenio antes de Cristo. Existen evidencias de necrópoles desta época así como as mámoas e campos de mamoas.

Á Idade do Bronce pertence unha pedra que se achou no castro de Beca e que actualmente se garda no Museo do Pobo Galego, que corrobora a existencia de poboacións nesta zona de Galicia. Existen tamén numerosos xacementos castrexos, entre eles, hainos situados nas montañas, en lugares estratéxicos, como o de Beca e o de Socastro; e outros nos vales, xeralmente aproveitando defensas naturais, como o de Oín. 

Todos estes primeiros vestixios amosan que estas terras tiñan dous puntos de referencia: o castro de Beca na Amaía, e o de Socastro no Valeirón.

Tamén no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela, podemos ver unha figuriña en pedra que apareceu na aldea de Carabeles (Urdilde), típica da cultura castrexa: rasgos moi elementais, con aspecto de ser unha representación da fecundidade nunha deidade feminina.

Posteriormente, a presenza dos romanos está representada e avalada por diversos restos en pontes, aras, moedas e, como non, en diversas vías e camiños. Os primeiros séculos do cristianismo nestas terras están vencellados ao territorio xurisdiccional do bispado de Iria  na época romana e despois na sueva e visigoda. Destes dous pobos existen unha proba no cemiterio de Seira, unha tampa de sartego datada entre os séculos V e VII que se pode ver sobre o muro do adro da igrexa.

Ningunha pegada existe por estas terras do paso dos árabes pola península e xa no século X sabemos que a zona de Amaía e Iria estaban repartida entre dous condes: Lúcido Vimaraniz e Nuno Gutiérrez. Tamén existe constancia documental do paso de tropas normandas que chegaban a Catoira (Torres do Oeste) e arrasaban o que atopaban ao seu paso  sendo lóxico que chegaran e pasaran por Rois.

Durante a Idade Media o xeito de vivir destas terras estiveron fortemente vinculadas á Igrexa os diferentes bispos e aos señores feudais cos seus foros, rendas e dezmos. 

 

Século XVIII ata hoxe

O século XVIII, sobre todo na súa primeira parte distínguese por un enorme incremento na construción e a igrexa non foi allea a esta tendencia. En poucos anos trocáronse os máis dos edificios relixiosos, igrexas e santuarios, por outros novos. Así, coma noutros lados, en Rois substituíronse os templos románicos por outros barrocos, máis espaciosos pero, a veces, de menor valor artístico. Capelas e cruceiros son a maioría desta época. 

Como concello tal como o entendemos agora, Rois nace no século IXX. Efectivamente, o 15 de xuño de 1836 a Deputación Provincial publicaba a relación definitiva dos concellos da provincia, figurando ademais das parroquias o número de veciños. En tal publicación Rois aparece coas doce parroquias actuais e cunha poboación de 5.673 habitantes.

Ademáis das manifestacións artísticas de carácter relixioso que se veñen relatando, Rois é destaca polo elevado número de cruceiros. Entre cruces, cruceiros de varal e cruceiros de capela, hai máis de 130. 

Os máis antigos son os de capela, dos que algúns datan da segunda metade do século XVI. Os demáis van desde o XVII ata os nosos días. Como conxunto sobresae o Via Crucis de Sorribas, de 1.698.

No Concello de Rois hai dous grandes pazos, coñecidos por todos cantos se adican ao estudo destas mansións: o de Faramello e o de Antequeira. Seguen en importancia o de Angueira de Castro e a casa do Mato en Peracova (Buxán). 

Remátan as manifestacións artísticas do concello de Rois unha serie de fontes, horreos, pombais que, como en outros moitos lugares de Galicia, conforman un conxunto de construcións artísticas, de utilidade, a veces curiosas e sempre interesantes.

Para mellor coñecer e sentir estas terras cómpre percorrelas devagar. Dúas opcións se lle abren ao visitante: a través das rutas acondicionadas polo concello ou elaborar el mesmo o seu propio percorrido de acordo cos seus intereses paisaxísticos, arquitectónicos, culturais.... Iso si, sempre deixándose levar polo ritmo paseniño que marcan os regatos, as fontes, as xentes... nun paraíso plenamente natural.