Historia e Arte do Concello de Rois

Atención, ábrese nunha nova fiestra. Imprimir

Índice do artigo
Historia e Arte do Concello de Rois
Século XVIII ata hoxe
Todas as páxinas
Existen probas en prácticamente todas as parroquias da existencia de poboadores na etapa Megalítica, entre o cuarto e o segundo milenio antes de Cristo. Existen evidencias de necrópoles desta época así como as mámoas e campos de mamoas.

Á Idade do Bronce pertence unha pedra que se achou no castro de Beca e que actualmente se garda no Museo do Pobo Galego, que corrobora a existencia de poboacións nesta zona de Galicia. Existen tamén numerosos xacementos castrexos, entre eles, hainos situados nas montañas, en lugares estratéxicos, como o de Beca e o de Socastro; e outros nos vales, xeralmente aproveitando defensas naturais, como o de Oín.

Todos estes primeiros vestixios amosan que estas terras tiñan dous puntos de referencia: o castro de Beca na Amaía, e o de Socastro no Valeirón.

Tamén no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela, podemos ver unha figuriña en pedra que apareceu na aldea de Carabeles (Urdilde), típica da cultura castrexa: rasgos moi elementais, con aspecto de ser unha representación da fecundidade nunha deidade feminina.

Posteriormente, a presenza dos romanos está representada e avalada por diversos restos en pontes, aras, moedas e, como non, en diversas vías e camiños. Os primeiros séculos do cristianismo nestas terras están vencellados ao territorio xurisdiccional do bispado de Iria  na época romana e despois na sueva e visigoda. Destes dous pobos existen unha proba no cemiterio de Seira, unha tampa de sartego datada entre os séculos V e VII que se pode ver sobre o muro do adro da igrexa.

Ningunha pegada existe por estas terras do paso dos árabes pola península e xa no século X sabemos que a zona de Amaía e Iria estaban repartida entre dous condes: Lúcido Vimaraniz e Nuno Gutiérrez. Tamén existe constancia documental do paso de tropas normandas que chegaban a Catoira (Torres do Oeste) e arrasaban o que atopaban ao seu paso  sendo lóxico que chegaran e pasaran por Rois.

Durante a Idade Media o xeito de vivir destas terras estiveron fortemente vinculadas á Igrexa os diferentes bispos e aos señores feudais cos seus foros, rendas e dezmos.