Día da Muller 2018

Atención, ábrese nunha nova fiestra. Imprimir

Rois celebra o Día da Muller cunha programación de talleres e cun certame infantil

  • O sábado 10 entregaranse os premios do concurso de carteis no que participaron escolares do municipio
  • Biodanza, defensa persoal e autoestima centrarán os obradoiros, os días 10, 17 e 24 de marzo

Rois. 3-3-2018. O Concello de Rois súmase á celebración do Día da Muller cunha completa programación de actos que teñen como data principal o sábado 10, pero que se estenden ao longo de todo o mes de marzo. Talleres e certames servirán para mostrar o apoio da veciñanza roisense á xornada e para reflexionar sobre a necesaria igualdade entre mulleres e homes.

Aínda que o Día da Muller é o 8 de marzo, a maior parte das actividades celebraranse o sábado 10 para garantir unha maior participación. A xornada abrirase cun taller de biodanza a cargo de Pedro Luis Hoyo, no que, a partir das 10.30h se farán exercicios, xogos e cantos. Levarase a cabo no local das Mulleres Rurais de Urdilde. A seguir, ás 12.30h. e na mesma localización, entregaranse os premios do Concurso Escolar Día da Muller. Ducias de nenos e nenas do municipio participaron neste certame de carteis, organizado polo Concello para promover a participación social da muller en pé de igualdade co home. O xurado, que se reuniu onte venres para valorar os traballos, outorgará galardóns aos mellores deseños, aínda que todos e todas as participantes recibirán un agasallo.

A programación do Día da Muller 2018 continúa con dous obradoiros, que se celebrarán no que resta de mes de marzo. O primeiro deles será o sábado 17 no Edificio Multiusos de Rois e terá que ver coa defensa persoal. Impartirao persoal do Club de Judo Compostela e nel poderanse adquirir técnicas de escape e defensa ante ameazas. Poden participar persoas de ambos xéneros. O sábado 24 de marzo será o Local das Amas de Casa de Rois o que acolla un obradoiro baixo o título Cóidome por dentro, gústome por fóra, sobre autoestima e alimentación saudable, a cargo de técnicas de prevención de condutas adictivas.

Para participar en calquera dos tres obradoiros é necesario inscribirse. Isto pode facerse de 9.00 a 14.00h no 981 804 109; nos Servizos Sociais do Concello; ou na Oficina Municipal de Urdilde os martes e os xoves de 9.00 a 11.00h. O prazo de inscrición remata o 8 de marzo.